Dende a Limia
04:09 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

Xinzo Adiante solicita a creación de aulas de madrugadores nos colexios

O. Ferreiro | 24 de Agosto de 2017 (21:36 h.)
Concelleiros de Xinzo Adiante.
Concelleiros de Xinzo Adiante.

Xinzo Adiante vén de rexistrar unha moción para instar ao Concello a implantar aulas de madrugadores nos dous colexios de Infantil e Primaria de Xinzo, para contribuír á conciliación familiar e laboral.

Corresponde ás Administracións a toma de medidas para contribuír á conciliación da vida familiar e laboral. 

Unha das principais dificultades atópana as nais e pais no feito de ter que comezar a traballar ou desprazarse ao seu posto de traballo antes de que os nenos/as entren na escola ás 9 da mañá. Isto supón que alguén ten que coidar e levar aos cativos ao CEIP. Moitas veces, isto resólvese facendo madrugar aos avós e avoas para facerse cargo dos rapaces ou renunciando un dos dous proxenitores á súa vida laboral para o coidado dos fillos/as mentres son pequenos. E quen renuncia na inmensa maioría dos casos é a muller e esa renuncia afonda aínda máis na situación de discriminación que viven as mulleres. A isto cómpre sumar a normalidade coa que a sociedade concibe o feito de que a muller non traballe e sexa o home quen o faga; mentres que a situación inversa xa non se contempla con tan bos ollos. Estamos ante unha visión patriarcal e en moitos casos machista sobre o rol que homes e mulleres cumpren dentro da familia.

Non se trata dunha medida cara pero si é efectiva e axuda ás familias que o precisan a conciliar.

Por outra banda, corresponde ás Administracións a toma de medidas para contribuír á conciliación da vida familiar e laboral e loitar contra a discriminación das mulleres. Unha iniciativa que está instaurada en moitos concellos son as “aulas para madrugadores” nos CEIP. Non se trata dunha medida cara pero si é efectiva e axuda ás familias que o precisan a conciliar. Consiste na apertura de aulas no CEIP antes de que se inicie o horario escolar ordinario para atender as nenas e nenos cuxos pais/nais non poidan facelo. Entendemos que un horario de 7 a 9 da mañá sería axeitado para a finalidade que perseguimos con esta proposta. Os cativos/as estarían atendidos por monitores especializados con quen desenvolverían actividades que axuden os nenos/as a comezar o día, realizando xogos, actividades de lectura, pintura, contos... entre outras.

Ademais, o custo desta iniciativa non resulta elevado: as instalacións xa existen (os propios CEIP). Tan só unha mínima compra de material para realizar as actividades e o custo que suporía a contratación 2 horas ao día dos monitores/as. Mesmo o funcionamento destas aulas  pode ser obxecto de subvención por parte da Deputación a través das liñas de “Cooperación ás obras e servizos municipais”.

Por todo o exposto vimos de solicitar que o Pleno adopte o acordo de poñer en marcha todos os trámites precisos para implantar as aulas de madrugadores nos dous colexios do concello.