Domingo 21.04.2019
Nota de prensa XINZO ADIANTE

XINZO ADIANTE SOLICITA A PARALIZACIÓN DAS OBRAS DA AVENIDA DE CELANOVA MENTRES NON SE ESCOITEN AS DEMANDAS DOS VECIÑOS

Avd/ Celanova
Avd/ Celanova

As veciñas e veciños da Av. de Celanova convidaron a Xinzo Adiante a unha asemblea que tivo lugar o pasado xoves, 28 de marzo, para manifestarnos o seu malestar con parte das actuacións que se queren facer na devandita rúa.

 O incumprimento por parte do Grupo de Goberno do Partido Popular, que lles prometera que cando se fose redactar o novo proxecto as veciñas e veciños desa Avenida serían chamados para dar a súa opinión e non foron chamados.

Agora, a piques de saír a concurso esas obras, queren manifestar que non están de acordo con algunhas das actuacións que se van facer e que, de levalas a cabo, significarían un retroceso moi importante para esa rúa, polo que lles piden ás Administracións correspondentes que paralicen o proxecto e que se dignen a escoitalos, para chegar a un entendemento que beneficie a todas e a todos.

Dende Xinzo Adiante díxoselles que, efectivamente, tiñan toda a razón de estar molestos co xeito de proceder por parte do Partido Popular. Tamén lles recordamos que nós coñecemos o proxecto polos medios de comunicación e que nunca fomos chamados para dar a nosa opinión.

As modificacións que se propuxeron tampouco nos parecen tan difíciles de levar a termo, se iso vai beneficiar a maioría das veciñas e veciños desa rúa.

En todo caso, Xinzo Adiante comprometeuse a solicitar a paralización dese proxecto ate que as veciñas e veciños non sexan escoitados, polo que presentamos no Concello un escrito neste termos.