Dende a Limia
04:10 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

Xinzo Adiante solicita que o Pazo de Meirás sexa público e ilegalizar a Fundación Francisco Franco

O. Ferreiro | 24 de Agosto de 2017 (21:27 h.)
Manuel Pérez, Francisca Rodríguez e Xosé Miguel Barrios, concelleiros de Xinzo Adiante
Manuel Pérez, Francisca Rodríguez e Xosé Miguel Barrios, concelleiros de Xinzo Adiante

É unha burla ao pobo galego e unha ignominia ás vítimas da barbarie franquista que un ben de interese cultural sexa xestionado pola Fundación que glorifica a un ditador sanguinario. Que pasaría se o campo de concentración de Auschwitz o rexese unha Fundación “Adolph Hitler”?

Pois ben, a Xunta vén de anunciar que será a Fundación Francisco Franco a que vai xestionar as visitas ao Pazo de Meirás, espazo declarado ben de interese cultural, precisamente pola súa importancia no eido da memoria histórica.

Tanto a Xunta de Galicia como o goberno do Estado deben dar o apoio institucional necesario a todas aquelas actuacións encamiñadas a recuperar o Pazo de Meirás.

Tal e como indica a propia Xunta de Galicia, un ben de interese cultural é o nivel de protección máis elevado. En consecuencia, tanto os seus propietarios como as diferentes autoridades teñen a obriga de conservalos, coidalos e protexelos para evitar a súa perda, deterioración ou destrución. Algo que a familia Franco non está a cumprir: non respecta nin as visitas, nin os horarios e mesmo decide pechar o Pazo en pleno mes de agosto, mes de máximo auxe turístico.

A Lei de Memoria Histórica, así como a vixente normativa estatal de fundacións deben ter como obxectivo común tanto un maior recoñecemento das vítimas da represión no primeiro caso, como o impedimento legal para que entidades como a Francisco Franco poidan impunemente, e mesmo ao amparo da legalidade democrática divulgar, louvar e difundir o terror franquista, no segundo.

Tanto a Xunta de Galicia como o goberno do Estado deben dar o apoio institucional necesario a todas aquelas actuacións encamiñadas a recuperar o Pazo de Meirás para a titularidade e o uso público do mesmo, xa que a razón democrática esixe que as vítimas obteñan memoria, xustiza, respecto, recoñecemento e reparación, e iso non terá lugar mentres non se poña fin ao espolio que significou a adquisición do pazo por medio da ameaza e a extorsión.

O Pazo de Meirás pertencía á familia de Emilia Pardo Bazán, prolífica escritora galega, e foi ilegalmente adquirido a través de ameazas, violencia e coacción. Adquirido pola forza, por un ditador, no medio dunha ditadura.

Por todo isto, dende Xinzo Adiante consideramos que a Fundación Francisco Franco debería ser ilegalizada por facer apoloxía dun ditador e do seu legado e o Pazo de Meirás debe ser de dominio público.

Xinzo Adiante considera que debe ilegalizarase a Fundación Francisco Franco

Por todo o anteriormente exposto, proponse á Corporación Municipal de Xinzo de Limia a adopción do seguinte ACORDO por parte do Pleno:

O pleno do concello de Xinzo de Limia insta á Xunta de Galicia a:

1. Permitir que o Concello de Sada xestione as visitas ao Pazo de Meirás.

2. Evitar, por todos os medios dispoñibles, que sexa a Fundación Franco quen se ocupe de organizar as visitas.

3. Esixir á familia Franco, polo de agora propietaria do pazo, a que cumpra co réxime de visitas obrigado pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Xa foi sancionada, coa máxima multa posible, por non respectar a normativa.

4. Formalizar unha declaración institucional de condena expresa ante os comunicados emitidos pola Fundación Francisco Franco, nos que se fai apoloxía clara da ditadura, así como de apoio á memoria das vítimas do franquismo.

5. Solicitar ao Goberno do Estado a ilegalización da Fundación Francisco Franco por realizar apoloxía dunha ditadura encabezada polo ditador que lle dá nome.