Dende a Limia
00:06 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

XINZO ADIANTE SOLICITA A RESTITUCIÓN DA ATENCIÓN SANITARIA E DO ABASTECEMENTO FARMACÉUTICO NORMAIS EN XINZO DE LIMIA E A COMARCA

| 04 de Noviembre de 2018 (19:45 h.)
Portavoz de Xinzo Adiante
Portavoz de Xinzo Adiante

Nos últimos tempos a sanidade en Galicia e, singularmente en Xinzo de Limia e na comarca, sufriu un retroceso maior ca nos tempos da crise económica. Se antes, baixo o pretexto da necesidade de realizar recortes para salvar a Banca  que saqueou aos cidadáns, se acometeron amortizacións de prazas sanitarias –lembremos no PAC de Xinzo de Limia a supresión dunha praza de enfermería pediátrica- agora, cando supostamente estamos a saír da crise económica e o Goberno do PP de Feijoó presume de contas saneadas e de boa xestión, os recortes volvéronse unha constante imparable.

Hai pouco –tal e como subliña Manuel Pérez Campos, portavoz de Xinzo Adiante- celebrouse un concurso de traslados e varios facultativos que prestaban os seus servizos no PAC de Xinzo de Limia foron trasladados e algúns deles están de baixa, sen que a día de hoxe se adxudicasen algunhas vacantes que deixaron e tampouco se suplise totalmente a carencia de persoal.

Isto derivou en que hai pacientes que solicitan citas e non son atendidos ata que pasan 15 ou 16 días, incluíndo nestes casos a pacientes con medicación permanente e doenzas crónicas. A isto cómpre sumar –segundo afirma o portavoz de Xinzo Adiante- o desabastecemento que sofren as farmacias e consecuentemente os pacientes que precisan determinada medicación para o seu día a día –como no caso de ADIRO, TRANKIMAZIN, LANTANON; estamos a falar de relaxantes musculares, antidepresivos, colirios, medicación para a hipertensión... produtos todos de uso frecuente e, especialmente, entre a xente de máis idade como acontece na envellecida comarca da Limia.

Mesmo en plena campaña de vacinación contra a gripe, estanse dando a finais de outubro citas para vacinarse a finais do mes de novembro... co cal se están expoñendo aos sectores máis vulnerables da poboación a esta epidemia. No caso dos centros privados concertados isto non acontece: o SERGAS subvenciona a vacina e para os pacientes todo é chegar e encher (no mesmo día son vacinados a costa do erario público).

Non podemos consentir esta deriva de privatización da sanidade pública, este desvío cara á sanidade privada e o desmantelamento sistemático dun sector público esencial, fundamental para provincias como a de Ourense e, singularmente, para comarcas avellentadas como a Limia..

Por iso consideramos urxente que o SERGAS restableza e garanta o pleno funcionamento dos servizos sanitarios esenciais, en óptimas condicións, así como a subministración adecuada de medicación ás farmacias. Do mesmo xeito, sinala Pérez Campos, “solicitamos que o grupo de goberno do PP, do mesmo signo que o goberno da Xunta, realice as xestións e a presión oportunas para garantir unha axeitada asistencia sanitaria e abastecemento farmacéutico na nosa comarca.