Dende a Limia
00:06 h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

A Xunta convoca axudas para a promoción da igualdade nos municipios

O. Ferreiro | 23 de Enero de 2018 (21:10 h.)
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantiveron esta mañá unha xuntanza coas persoas responsables e persoal técnico dos 92 concellos da provincia ourensá para informarlles da nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade, publicada onte no DOG. Concretamente, ao abeiro desta convocatoria a Secretaría Xeral da Igualdade pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM) existentes en Galicia, integrada por 81 centros dos que 14 pertencen á provincia de Ourense. 

Estas axudas contan cun orzamento este ano de máis de 4,2 millóns de euros- cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- e están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos. Ao abeiro da convocatoria anterior destas subvencións 58 concellos da provincia de Ourense recibiron un total de 620.000 euros.

A resolución que se vén de publicar no DOG engloba os tres mesmos programas de colaboración coas entidades locais que os contemplados na anterior:

  • Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
  • Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
  • Programa de apoio aos centros de  información ás mulleres (CIM).

O Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75 por cento das subvencións concedidas nalgún destes tres programas.

Accións subvencionables

A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá aos beneficiarios tomar medidas para fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares. Esta liña tamén financiará os bancos de tempo coa finalidade de facilitarlles ás persoas empadroadas no correspondente concello esta conciliación a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes, cuxa medida é a hora de tempo. Conta cun orzamento de 525.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de varios concellos. Na pasada convocatoria, as entidades ourensás  recibiron a través desta liña 15.300 euros.

O programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM) é a liña de maior dotación, cun orzamento de máis de 3.370.000 euros.

A segunda liña de axudas está destinada ao programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e de 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos. O pasado ano as entidades da provincia beneficiáronse de máis de 121.000 euros ao abeiro desta liña de axudas.

E finalmente, está o programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM), que é a liña de maior dotación, cun orzamento de máis de 3.370.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 euros no caso dunha solicitude individual e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta. Na anterior convocatoria, os CIMs da provincia recibiron máis de 485.000 euros. Esta liña de axudas ten como obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles. Así, o Goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos nestes centros de atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.