Dende a Limia
18:09 h. Viernes, 17 de Agosto de 2018

A XUNTA CONVOCA OITO LIÑAS DE AXUDAS DIRIXIDAS A MELLORAR A OFERTA, OS RECURSOS E AS INFRAESTRUTURAS TURÍSTICAS

| 15 de Enero de 2018 (19:39 h.)

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol  Díaz Mouteira, presentou hoxe en rolda de prensa as liñas de axudas de Turismo de Galicia para o ano 2018, que superan en conxunto os 5 millóns de euros. Trátase de oito programas de subvencións dirixidos ao sector turístico da Comunidade, ás entidades locais e a diversos colectivos que inclúen numerosas novidades e amplían o alcance da pasada edición.

Díaz Mouteira animou aos posibles beneficiarios na provincia ourensá destas axudas a solicitalas xa que, na súa opinión “contribuíran a poñer en valor os mellores recursos Marisol Díaz

que ten  Ourense e así lograr recuperar este ano a senda de crecemento iniciada en 2016 no sector turístico”.

A delegada territorial indicou que con todos este fondos se busca “facer de Galicia, e nomeadamente da provincia de Ourense, un destino cada vez mellor, máis competitivo e de maior calidade, desestacionalizado e diversificado”. Marisol Díaz lembrou que o pasado ano, ao abeiro das subvencións outorgadas por Turismo de Galicia, a provincia ourensá recibiu  arredor de  1,2 millóns de  euros.

 

Renovar os establecementos de aloxamento

Unha das novas apostas da Xunta de Galicia será o plan de renovación de establecementos de aloxamento, cun investimento de 500.000 euros dirixido a estimular, con ata o 35% do custo, a remodelación e modernización das súas instalacións, o que incrementará a calidade do servizo que prestan. Serán subvencionables accións de mellora de accesibilidade, a favor da excelencia ou de aforro enerxético a prol da sustentabilidade ambiental, entre outras.

No eido privado, tamén se incentivará a cooperación entre pequenos operadores, de xeito que deseñen e comercialicen produtos turísticos innovadores conxuntamente. A súa oferta deberá basearse en produtos que diferencian e enriquecen a Galicia como destino, como o Camiño de Santiago, a natureza, os balnearios, a enogastronomía, o turismo mariñeiro, a ruta das camelias, faros e praias salvaxes, patrimonio oculto ou santuarios máxicos. Tamén produtos dirixidos ao público familiar, ao turista sénior, unha oferta para xornadas de choiva, produtos temáticos para fins de semana ou centrados nos diferentes núcleos históricos.

Para afondar na colaboración coa administración local, Turismo de Galicia amplía os fondos dirixidos a concellos, mancomunidades ou xeodestinos, entre outros. A liña para melloras nas súas infraestruturas incrementase en 1 millón de euros ata os 2,5 millóns. Ademais, mentres que ata agora procedían de fondos europeos, agora pasan a ser fondos propios.

Na provincia de Ourense 30 entidades locais beneficiáronse deles o pasado ano, cunha achega de máis dun millón de euros. Agora, amplíanse os conceptos subvencionables, pois ademais de sinalización e accesibilidade dos recursos, incluiranse actuacións de embelecemento dos accesos, das contornas, dos Bens de Interese Cultural (BIC) xa declarados ou en proceso de selo e iniciativas de posta en valor turístico.

O apoio dos concellos ás festas de Interese Turístico de Galicia, a súa promoción e difusión tamén forman parte das novas liñas de axuda presentadas hoxe. O pasado ano en Ourense, ao abeiro deste programa, resultaron beneficiadas 15 das 18 festas co que conta a nosa provincia así catalogadas.

Vólvense convocar as subvencións para os 47 concellos declarados municipios turísticos de Galicia, de xeito que podan reforzar o persoal das súas oficinas de turismo de xuño a setembro. Así na convocatoria anterior foron 11 os municipios ourensáns beneficiados por estas axudas.

Premios Galicia Parabéns

Finalmente, esta ambiciosa convocatoria de axudas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 19 de xaneiro ao 2 de febreiro, complétase coa cuarta edición dos Premios Camiño de Santiago, dirixidos a entidades locais, asociacións xacobeas, pemes, centros de ensinanza básica e investigadores; e coa segunda e terceira edición dos Premios Galicia Parabéns, tamén dirixidos aos concellos en recoñecemento ás súas iniciativas de mellora, de conservación e de embelecemento das súas paisaxes e os seus núcleos de poboación.