Dende a Limia
13:57 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

A Xunta explicou ás entidades de iniciativa social de Ourense o programa de axudas orientado á inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero

| 06 de Septiembre de 2017 (22:23 h.)

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou hoxe aos representantes de distintos colectivos de inciciativa social da provincia a convocatoria de subvencións ás entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na nosa comunidade.

Esta Orde, para o período 2017 e 2018, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 18 de agosto e conta cun orzamento de máis de 807.000 euros cofinanciado polo Fondo Social Europeo. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 18 de setembro.

A Xunta convocou a esta xuntanza aos colectivos da provincia que traballan no ámbito da igualdade, así como a representantes dos Centros de Información á Muller ou de entidades con experiencia no ámbito de inserción laboral, entre outros.

López Abella e Díaz Mouteira destacaron que esta convocatoria ten por obxecto desenvolver programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia. Neste sentido, a secretaria xeral da Igualdade subliñou que a inserción sociolaboral é “un mecanismo fundamental e clave para que unha muller que sufriu violencia de xénero consiga a súa independencia económica e persoal, tan necesaria para rachar os vínculos co agresor e acadar a súa efectiva recuperación integral”.

Galicia foi a primeira comunidade do Estado en convocar o pasado ano un programa de axudas orientado á inserción laboral de mulleres vítimas de xénero. Esta convocatoria pioneira da Secretaría xeral da Igualdade posibilitou a atención a 520 mulleres e foron 16 as entidades beneficiarias.

Accións subvencionables

060917 Axudas SXI OUNo encontro, Susana López Abella indicou que poden optar a estas subvencións o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero en Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, a través de accións de itinerarios de inserción, que poden comprender accións coma diagnóstico competencial e deseño dun plan de acción personalizado para a busca de emprego para cada participante; orientación profesional e asesoramento laboral para o emprego; busca activa de emprego con acompañamento e seguimento da dita busca; intermediación laboral e contacto con empresas xestionando as posibles ofertas; asesoramento/apoio na empresa en prácticas profesionais non laborais ou similar; prospección de emprego; seguimento da inserción nas empresas, se é o caso, e avaliación do traballo realizado; ou outras actuacións dirixidas a incrementar as expectativas de mellora da empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero.

Tamén serán obxecto do programa accións encamiñadas á formación para o emprego, tanto a formación específica por sectores profesionais como accións formativas que teñan como finalidade adquirir as competencias clave, formación lingüística, formación en coaching e/ou intelixencia emocional ou formación relativa ás características da sociedade de acollida no caso de mulleres inmigrantes, así como formación dirixida ao autoemprego e á constitución de cooperativas.

Por último, serán subvencionables as actuacións de apoio á conciliación, que consistirán na posta á disposición de servizos de atención persoal e/ou familiar, ben no fogar ou ben nun recurso comunitario, dirixidos a facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario de inserción socio-laboral ou na formación para o emprego.