Dende a Limia
05:52 h. Lunes, 11 de Diciembre de 2017

A Xunta de Goberno da Deputación aproba as bases para a concesión de axudas en materia de Servizos Sociais e Natalidade

| 01 de Diciembre de 2017 (19:39 h.)
Montserrat Lama,Portavoz da Comisión de Goberno
Montserrat Lama,Portavoz da Comisión de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras das convocatorias dos concursos públicos para a concesión de axudas para proxectos de prestación de servizos sociais e para o fomento da natalidade da provincia de Ourense para o ano 2018. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 1 de decembro.

En concreto, as bases do concurso para a prestación de servizos sociais regulan a tramitación e concesión de axudas destinadas a organizacións, asociacións e/ou fundacións que realicen proxectos na provincia de Ourense para o ano 2018. Tódalas solicitudes deberán responder a algunha das tres modalidades de axuda: proxectos e actividades de emerxencia social, proxectos e actividades de prestacións de servizos sociais na provincia de Ourense, e proxectos de conciliación e reactivación sociodemográfica na provincia de Ourense.

A dispoñibilidade orzamentaria da Deputación de Ourense para tal fin será dun máximo de 300.000 euros, sendo as axudas concedidas dun máximo de 25.000 euros para actividades de emerxencia social, de 15.000 euros para os proxectos de prestacións de servizos sociais, e de 10.000 euros para os proxectos de conciliación. Ademais, estes importes poderán ser incrementados nun 20% no caso de que o proxecto subvencionado sexa presentado conxuntamente por dúas ou máis entidades.

O prazo para a presentación das solicitudes, que se tramitarán por vía telemática, será dun mes, contando a partir do día seguinte da publicación desta bases no Boletín Oficial da Provincia.

En canto ao concurso para a concesión de axudas para o fomento da natalidade da provincia de Ourense, o Programa ChegOU 2018, a Deputación de Ourense destina un máximo de 400.000 euros para financiar as axudas das que poden ser beneficiarios o proxenitor, tutor ou adoptante dun neno menor dun ano, nacidos entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2018, que se inscriba nalgún rexistro civil da provincia de Ourense sempre e cando cumpra os seguintes requisitos: figurar empadroado nalgún concello da provincia á data da solicitude da axuda e ter unha antigüidade no empadroamento na provincia, polo menos, de un ano ininterrompido e inmediatamente anterior ao 1 de xaneiro de 2018.

Cada neno nacido, tutelado ou adoptado dará dereito a unha única axuda a favor do solicitante. A axuda terá un importe de 300 euros por neno.

As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte á publicación destas bases no BOP e ata o 31 de decembro de 2018, aínda que o prazo se prolongará ata o  día 15 de xaneiro de 2019 no caso de que o nacemento, resolución da adopción ou tutorización, tivera lugar entre o 1 e o 31 de decembro de 2018.

As persoas beneficiarias da axuda recibirán no enderezo a súa tarxeta electrónica, a tarxeta “chegOU”, a cal unha vez activada, poderá ser empregada só en farmacias e parafarmacias para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios e/ou de saúde relacionados co neno, estando activa a tarxeta ata o mes de febreiro de 2019