Dende a Limia
11:48 h. Miércoles, 23 de Agosto de 2017

A XUNTA INFORMA AOS CONCELLOS OURENSÁNS E AOS PARTICULARES DOS DIFERENTES PROGRAMAS DE AXUDA E FOMENTO DA REHABILITACIÓN DE VIVENDAS

| 18 de Julio de 2017 (22:45 h.)

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá nunha xornada informativa dirixidas a alcaldes e particulares da provincia para explicarlles as políticas que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a desenvolver en materia de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia, atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético e mellora da calidade e conservación das construcións existentes. Os programas de axuda e fomento da rehabilitación suman un investimento de 40 millóns de euros nos Orzamentos de 2017, máis que duplicando o consignado o exercicio anterior.

Díaz Mouteira estivo acompañada pola xefa territorial, Alicia López Míguez, e pola xefa de área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Consuelo Fernández Sueiro.

A delegada territorial explicou que dende a Delegación Territorial da Xunta en Ourense, a través da Xefatura Territorial de Infraestruturas e Vivenda, “queremos  facilitar a  información, colaboración e asesoramento necesaria  para tramitar eficazmente as  subvencións convocadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo”. Así, ao longo desta semana, está previsto a celebración de tres charlas en distintos puntos da provincia para achegar a información a todos os concellos da provincia. Xunto coa que tivo lugar hoxe no salón de actos da Delegación Territorial, desenvolverase unha en Xinzo e outra no Barco de Valdeorras.

A estratexia de rehabilitación refórzase coas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixidas á eficiencia enerxética e que subvencionan a renovación de fiestras, ascensores ou cubertas, entre outras.

Dezaseis programas

Os 16 programas de fomento da rehabilitación creados pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda e reforzados coas axudas da Consellería de Economía, supoñen un paquete cuantioso en canto a liñas de actuación e recursos que fai posible chegar a todos os destinatarios, xa sexan particulares, administracións públicas ou actuacións executadas directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Esa diversidade de programas permite, ademais, subvencionar todo tipo de intervencións en materia de rehabilitación, xa sexa: unha reforma exterior (mellora de cubertas, fachadas, fiestras), unha reforma interior (baños, cociñas, mellora das instalacións eléctricas...), unha obra para mellorar a accesibilidade (instalación de ascensores...), recuperación de contornos urbanos e espazos públicos e restauración ou a restauración de edificios degradados ou en ruínas.

Recuperación de antigas vivendas de mestres

A delegada territorial detallou o contido e orzamento dos diferentes programas. Algúns deles son a primeira vez que se convocan como o publicado onte no Diario Oficial de Galicia para a recuperación das antigas vivendas de mestres, que prevé que a Xunta financie ata un 90% do custo de rehabilitación destas edificacións, así como outras vivendas de titularidade municipal co obxectivo de que se destinen a alugueiro social; ou o fondo de cooperación cos concellos, dotado con 10 millóns de euros, que permite que os municipios de menos de 50.000 habitantes accedan a préstamos sen xuros para recuperar edificacións dos seus núcleos históricos ou realizar outras intervencións en materia de rehabilitación.

Marisol Díaz subliñou que entre  as  medidas pioneiras está tamén a subvención de ata o 100% dos xuros dos préstamos que soliciten os particulares para a reforma de vivendas.

Outros programas aglutinan axudas que veñen de atrás, como as axudas á rehabilitación nas Áreas de Rehabilitación Integral, que contan con 8 millóns de euros, ou as axudas ás Vivenda do Camiño, con 2,9 millóns de euros.

Na xornada avanzouse que nas próximas semanas se convocará a orde de axudas que queda pendente, destinada a subvencionar a nova instalación de ascensores. Trátase de axudas autonómicas específicas para a mellora da accesibilidade dos edificios residenciais colectivos ou vivendas unifamiliares para a instalación de ascensores ou dispositivos para salvar escaleiras que poderán cubrir o 60% da actuación.