Dende a Limia
01:24 h. Sábado, 21 de Octubre de 2017

A Xunta investirá preto de 600.000 euros nas obras de reforzo de firme da estrada OU-531 ao seu paso por Rairiz Sandías e Vilar de Santos

| 26 de Julio de 2017 (21:05 h.)
Estrada de Celanova
Estrada de Celanova

A Xunta de Galicia investirá preto de 600.000 euros no reforzo do firme da estrada OU-531 ao seu paso por cinco concellos da provincia de Ourense. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar este contrato á empresa Acoval, o que fará posible comezar os traballos a finais do verán.

Estas obras programadas na estrada OU-531, que une as localidades ourensáns de Xinzo de Limia e Cortegada, beneficiarán aos concellos de Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, A Bola e Celanova.

O obxectivo desta actuación é a rehabilitación do firme en puntos localizados mediante o fresado e reposición de microaglomerados, segundo as necesidades de cada subtreito nos que se dividirán os traballos.

Así, entre os puntos quilométricos 4+500 e 7+600, onde se sitúa a travesía de Vilar de Santos, actuarase de forma localizada e rehabilitarase o firme naqueles puntos nos que se atopen deformacións.

Entre os puntos quilométricos 15+050 e 15+780, no concello da Bola, as obras incluirán a corrección do peralte de dúas curvas no alto do Furriolo, estendendo unha nova capa de rodadura.

Do punto quilométrico 20+300 ata o 23+450, xusto antes do inicio da travesía de Celanova, levaranse a cabo reparacións puntuais nos primeiros 600 metros, mentres que se estenderá unha nova capa rodadura en toda a sección transversal entre o punto quilométrico 20+900 e o 23+450.

Finalmente, entre os puntos quilométricos 23+600 e 25+000, na travesía de Celanova, executarase unha rehabilitación localizada do firme.

Estas actuacións sumaranse ás xa executadas durante o ano 2016 pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda nesta mesma estrada, concretamente, na zona antes do alto do Furriolo, entre os puntos quilométricos 14+500 e 15+000 e na travesía de Celanova, entre os puntos quilométricos 26+160 e 26+620, onde se investiron 100.000 euros.

 

Plan de reforzos de firme


Estas obras forman parte do Plan de reforzos de firme co que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda mellorará case 700 quilómetros de estradas de titularidade autonómica, cun orzamento de 20 millóns de euros.

O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.