Dende a Limia
18:02 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

A Xunta reforza o programa RECONDUCE, de apoio ás persoas en risco de desafiuzamento coa apertura de oficinas territoriais

| 31 de Octubre de 2017 (20:58 h.)
505
505

A Xunta vén de poñer en marcha melloras do programa Reconduce que supoñen un aumento da calidade da atención e das prestacións dirixidas ás persoas e familias en risco de desafiuzamento. Así, abriron seis novas oficinas territoriais en cada unha das grandes cidades galegas para ofrecer unha mellor atención presencial aos usuarios, evitando o seu desprazamento á sede central do programa en Santiago.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso,  visitou hoxe a oficina Reconduce en Ourense, emprazada nas dependencias que este departamento autonómico ten na rúa Sáenz Díez da cidade. Este equipo, integrado por dous profesionais especializados en Dereito e Traballo Social, ocuparase da información e asesoramento ás persoas e familias en risco de desafiuzamento, así como de recibir a documentación xustificativa e de realizar entrevistas psicosociais. Desta maneira, as oficinas territoriais xa poderán remitir o expediente completo á sede central do programa en Santiago, evitando desprazamentos aos cidadáns.

Ata agora os usuarios do programa eran atendidos na oficina de Santiago. Díaz Mouteira explicou que logo da experiencia de catro anos desenvolvendo este programa, se  constatou a conveniencia de facilitarlle o acceso aos usuarios nun contorno máis próximo ao seu domicilio, “sobre todo tendo en conta que, a miúdo, a carencia de recursos económicos, mesmo para poder asumir o custo do transporte, dificultaba o seu desprazamento”.

O reforzo do programa Reconduce, coa apertura das oficinas territoriais e a consolidación da sede central coa incorporación a este servizo de catro novos profesionais, enmárcase  no cumprimento dos compromisos recollidos na Axenda Social acordada pola Xunta, a Fegamp e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia).

Ampliación dos casos atendidos

Ademais, a delegada territorial explicou que outras das melloras introducidas no programa  é que desde agora tamén serán obxecto de intervención as persoas e familias en risco de desafiuzamento por falta de pagamento da renda do aluguer da vivenda habitual. Ata o momento, o programa atendía unicamente aqueles casos de risco de desafiuzamento por execución hipotecaria. Así, o programa adáptase á casuística social do drama dos desafiuzamentos e amplía a resposta aos casos das persoas en especial risco de exclusión e vulnerabilidade.

Esta iniciativa do Reconduce, desde que se puxo en marcha en 2013, atendeu a preto de 500 familias e superou os 200 expedientes de intermediación bancaria tramitados, dos cales a maioría concluíron cun acordo de reestruturación de débedas favorable para as persoas e familias usuarias.

 

Marisol Díaz subliñou o compromiso do Goberno galego co dereito de toda persoa a dispor dunha vivenda e referiuse a outras iniciativas da Xunta, como os programas Realoxo, Aluga, e de vivendas baleiras ou o bono de alugueiro social, dirixidas a garantilo. A delegada territorial lembrou que a Administración autonómica ten tamén asinados convenios de colaboración con entidades financeiras para que estas non desaloxen vivendas sometidas a execución hipotecaria permitindo aos afectados continuar nas mesmas en réxime de aluguer social, así como para a cesión de vivendas baleiras da súa propiedade para aluguer social.