Dende a Limia
07:01 h. Domingo, 24 de Junio de 2018

Oito anos e medio de inhabilitación por prevaricación para o alcalde de Xinzo

O. Ferreiro | 01 de Marzo de 2018 (13:51 h.)
Antonio Pérez, o aínda rexedor de Xinzo de Limia.
Antonio Pérez, o aínda rexedor de Xinzo de Limia.

O xulgado do Penal número 1 de Ourense condenou a oito anos e seis meses de inhabilitación especial ao alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, por un delito continuado de prevaricación administrativa en relación con varias contratacións irregulares no Concello.

Segundo consta na resolución –e segundo informa a axencia EFE–, a titular do xulgado condena ao rexedor a non desempeñar "todo emprego ou función pública en calquera das Administracións Públicas", así como respecto de calquera cargo electo, "estendéndose a todo emprego ou cargo en empresas ou institucións participadas directamente por algunha Administración ou Ente Público".

Pérez, quen xa se dera de baixa do Partido Popular tralo auto de apertura de xuízo oral, contratou a varias persoas entre os anos 2011 e 2014 de xeito irregular e sen seguir o procedemento legal, a pesar dos reparos do interventor. É por estes feitos polos que a Fiscalía e a CIG, que exercía de acusación popular, pedían "dez anos de inhabilitación para todo emprego ou cargo público" para o rexedor por contratar a unha vintena de persoas que encadearían varios contratos eventuais ata conseguir a praza, obviando informes contrarios de secretaría-intervención.

Durante a vista, o alcalde admitiu que non lía os decretos para realizar as contratacións xustificando a súa actuación na "urxencia das mesmas" a fin de "atender as necesidades" de servizos "prioritarios" no concello. Tras coñecerse a sentenza, o alcalde confirmou a súa intención de recorrer o fallo xudicial, polo que poida que aínda non se vexa obrigado a abandonar o seu cargo.