domingo 22.09.2019

O A.B. Xinzo organizou o seu quinto campamento de baloncesto

Rapaces e rapazas entre os 15 e os 9 anos pasaron uns días en Cabeza de Manzaneda
PHOTO-2019-08-28-17-33-55
PHOTO-2019-08-28-17-33-55

A semana pasada a Asociación de Baloncesto de Xinzo organizou, por quinta vez, o seu xa tradicional campamento de baloncesto que reuniu a un total de 22 rapaces e rapazas cuxa idade rondaba entre os 15 e os 9 anos na Estación de Cabeza de Manzaneda.

Nos cinco días que durou o campamento, levouse a cabo a división dos cativos e cativas en grupos reducidos distinguindo así entre o grupo formado por alevines que realizaron minibasket co obxectivo de aprender os fundamentos do baloncesto; o formado por rapazas de categoría infantil e cadete e o último no que se incluían rapaces pertencentes ás categorías júnior e cadete. Deste xeito, programáronse un total de seis sesións de entrenamento de baloncesto dedicadas tanto ao tema físico como á técnica e á táctica, facendo fincapé, principalmente, no grupo formado por cadetes e júniors.

PHOTO-2019-08-28-17-34-00  

Acompañados por tres monitores, David Fernández; Miguel Ángel Castro e Luis Miguel Gil, os menores tiveron contacto con diversas disciplinas deportivas, é dicir, ademais de adestramentos de baloncesto tamén realizaron deportes en piscina, tiro con arco, pachangas de fútbol, karts... Por outra banda, este campamento serviulles non só para practicar deporte, senón tamén inculcarlles unha forma de vida caracterizada polo respecto á natureza e costumes de vida saudables. A maiores desfrutaron de sesións de spa, paseos, veladas nocturnas... Así mesmo foi unha boa oportunidade para entablar novas relacións de amizade e coñecer máis xente.