Dende a Limia
00:47 h. Martes, 12 de Diciembre de 2017

Comezou o xuízo que enfronta a Antonio Pérez a 10 posibles anos de inhabilitación

O. Ferreiro | 02 de Octubre de 2017 (23:18 h.)
Antonio Pérez, alcalde de Xinzo de Limia
Antonio Pérez, alcalde de Xinzo de Limia

O alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, compareceu este luns pola mañá no Penal número 1 de Ourense acusado dun presunto delito de prevaricación continuada, por unha suposta contratación de traballadores do consistorio de maneira irregular sen que existise concurso público.

Pérez afirmou que nin Secretaría nin Intervención deron conta da existencia desas supostas irregularidades.

O rexedor da capital da Limia realizou a súa comparecencia a primeira hora da mañá e respondeu ás preguntas da Fiscalía, da acusación popular –letradas da Confederación Intersindical Galega– e da defensa. Os feitos obxecto de xuízo enmárcanse entre os anos 2011 e 2013 cando, segundo se especifica no escrito do Ministerio Fiscal, o rexedor asinou expedientes de contratación sen que eses contratos se ativesen aos "principios constitucionais" axeitados. Na súa intervención, Pérez afirmou que nin Secretaría nin Intervención deron conta da existencia desas supostas irregularidades no proceso e que, habida conta da súa boa relación co secretario do Concello, asinaba moitas veces os decretos nos que se contrataba persoal sen revisalos. O alcalde afirmou, en resposta ás preguntas da Fiscalía, que o trámite a realizar para propoñer as contratacións comezaba ao remate das Xuntas de Goberno, sen que constara en acta e de maneira informal, coas propostas das necesidades de cada un dos concelleiros. Trala exposición das necesidades por parte dos edís, coa presenza do secretario e o interventor, o alcalde declarou que nese momento non se dicía o nome da persoa que debía cubrir a necesidade de servizo. Pérez sinalou que tras ese trámite o secretario iniciaba o expediente e preparaba o escrito do concelleiro e do capataz que expuñan a suposta necesidade e urxencia da contratación. 

O ex-secretario comentou que se non sempre existía informe previo advertindo da posible ilegalidade era porque non había decreto de contratación.

Trala comparecencia do acusado, tiveron lugar as declaracións das primeiras persoas chamadas a testificar. O primeiro deles foi o que fóra secretario e mesmo interventor –tras asumir labores de intervención– entre o 2011 e o 2013, Demetrio Martínez. Este afirmou que o alcalde lle solicitaba informe oral antes de contratar a un traballador. Comezou contradicindo ao alcalde ao declarar que normalmente estas propostas se realizaban "con nome e apelidos", especialmente cando se trataba de "renovacións". Sinalou á Fiscalía que os argumentos do rexedor para contratar a esas persoas –ou renovalas– eran que "era a persoa idónea" e que a contratación era de "urxente necesidade". "Eu expúñalle problemáticas con respecto aos procesos de selección e esas problemáticas expoñíanse en reunións persoais antes das Xuntas de Goberno nas que ás veces estaba presente Manuel Casas", declarou o primeiro dos testigos.

Cuestionado sobre as afirmacións do alcalde, de que era el quen iniciaba o expediente de contratación tralas propostas realizadas logo das Xuntas de Goberno, o exsecretario dixo que iso era "falso", afirmando que "nós –en referencia a él e a Patricia Hernández, quen fora Adxunta a Secretaría– non eramos os que moviamos o papel para contratar a esas persoas; o departamento correspondente chamaba á xestoría para que dese de alta a esa persoa proposta e iso decidíao a concelleira de Persoal –Montserrat Lama, que testificará na sesión deste martes–". Así mesmo, comentou que se non sempre existía informe previo advertindo da posible ilegalidade era porque non había decreto de contratación e se enteraban da mesma logo de se producir. O alcalde, pola contra, afirmara que o secretario foi consciente de todos eses procedementos e non advertiu de que estaban incurrindo nunha posible irregularidade. Mesmo declarou que Martínez, preguntado por él, lle dixera que "todo estaba correcto". Cuestionado por esta afirmación por parte de Fiscalía, Demetrio volveu determinar que o declarado por Pérez era "falso".

Patricia Hernández testificou e dixo que non coñecía quen era o encargado de iniciar a instrucción dun expediente de contratación.

O primeiro testigo, Demetrio Martínez, que testificou por arredor de máis de hora e media, respostou tamén ás preguntas das letradas da acusación popular, nas que declarou que "o resto da Xunta de Goberno local coñecían as informacións de que para contratar a esas persoas era necesario un proceso de selección". 

Cando chegou o turno de preguntas para o avogado defensor, foi cuestionado sobre "por qué non denunciara antes a actitude do alcalde, logo de ter presenciado supostamente tantas irregularidades", ao que o testigo respostou que "aínda que podería facelo, non era a miña competencia formalmente". No senso do relativo aos informes e advertencias verbais que declarara o testigo, preguntóuselle sobre por qué nos informes posteriores non se recollía referencia algunha ás advertencias orais realizadas previamente, ao que o exsecretario só puido contestar "non lembro".

Trala testificación de Martínez, foi o turno da que fóra a súa compañeira, Patricia Hernández, que nunha declaración moito máis curta, practicamente afirmou e respostou o mesmo que o que fóra seu compañeiro no consistorio. Preguntada sobre quen era o encargado de iniciar a instrucción do expediente, Hernández afirmou non coñecer a resposta.

Cabas e Casas testificaron no mesmo sentido en que o fixera o acusado, afirmando que o secretario non advertira das irregularidades.

Pasaba xa da media mañá cando a que fóra interventora do Concello de Xinzo de Limia entre o 2009 e o 2012, testificou por videoconferencia. Carolina, a diferenza dos seus outros dous compañeiros, afirmou que ela sempre notificaba e advertía das posibles irregularidades no proceso "por escrito", "pois é a forma correcta de facelo". 

Comezaron entón a testificar os membros do goberno local. Na primeira sesión foi o turno dos tenentes de alcaldía, Manuel Cabas e Manuel Casas. Nos próximos días testificaran outros edís do goberno. Un moi nervioso concelleiro de Servicios Sociais comentou á Fiscalía que "sempre se lles preguntaba a opinión aos técnicos, intervención ou secretario, e se había calquera cousa importante o alcalde sempre preguntaba iso é posible, pódese facer, Demetrio? e Demetrio respondía "míroo e se é posible dígoche", pero nunca dicía nada". Así mesmo, e na liña do que declarara Pérez, comentou que era o secretario "o que se encargaba do trámite para contratar" así como que á hora de asinar os informes e decretos de contratación "o alcalde pasaba as follas e asinaba sen mirar ningunha cousa, porque nese moento Demetrio e o alcalde eran unlla e carne e poñíanse a falar das súas cousas". "Eu vin como o alcalde non lía os informes que asinaba", concluíu perante as preguntas da defensa.

Manuel Cabas: "Eu vin como o alcalde non lía os informes que asinaba".

Pechou a primeira sesión deste xuízo Manuel Casas, quen, ante a insistencia do Ministerio Fiscal chegou a afirmar que cría que era "necesario o proceso de selección para contratar". Ben é certo que despois tamén afirmou que no caso de Xinzo de Limia "se cumpríran todos os requisitos legais e procedimentais" porque o secretario "que é quen sabe destas cuestións, nunca advertía en Xunta de Goberno". Contundente, concluíu a súa testificación respostando á defensa que "nunca xamáis o secretario lle dixo ao alcalde este contrato non pode ir para adiante porque é ilegal".

Remataba así a primeira sesión dun xuízo moi esperado e no a Fiscalía solicita ao alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, 10 anos de inhabilitación por un suposto delito de prevaricación continuada.

Como anécdota da xornada, o exrexedor popular da vila, Vila, tamén se deixou ver pola sala do Penal número 1 de Ourense para apoiar ao seu sucesor no control do bastón de mando.