Dende a Limia
05:47 h. Lunes, 11 de Diciembre de 2017

Conde salienta en Xinzo que a Lei de implantación ofrece confianza e optimismo ao tecido empresarial para captar nova industria

| 21 de Noviembre de 2017 (21:39 h.)

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con pemes da localidade no que incidiu en que a normativa achega máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso ao solo industrial e máis incentivos fiscais

Sinala que o parque industrial do municipio se sumará ao Plan de Banda Larga da Xunta o vindeiro ano

FB_IMG_1511292025837

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nun encontro con empresarios e autónomos en Xinzo de Limia que a Lei de implantación empresarial, xa en vigor, ofrece novas oportunidades para achegar máis confianza e optimismo ao tecido económico, captando máis investimentos e nova industria.  

Conde apuntou que para iso, Galicia ofrece máis simplificación administrativa, impulsando o procedemento único para reducir á metade os prazos de tramitación; máis facilidades de acceso ao solo industrial, autorizando a urbanización parcial de áreas empresariais, creando o censo de solo empresarial e ofrecendo o pago aprazado e sen xuros na compra de solo público e condicións vantaxosas nas parcelas; así como máis incentivos fiscais, para favorecer a chegada de empresas aos concellos. 

Neste sentido, o conselleiro, que sinalou que o parque empresarial de Xinzo se sumará ao Plan de Banda Larga da Xunta o vindeiro ano, remarcou que por primeira vez se conseguiu, coa colaboración da Fegamp, un acordo cos Concellos para harmonizar a fiscalidade municipal en materia empresarial.  

Así, os Concellos Emprendedores que se comprometan a reducir os impostos ás novas iniciativas, e os prazos de tramitación dos proxectos, contarán con preferencia en convocatorias de axudas que suman preto de 43 millóns de euros para impulsar o emprego, o tecido industrial, o comercio e o emprendemento local. 

Con estas iniciativas, búscase dar continuidade a realidades como a que reflicten datos como que Ourense é a provincia galega na que máis invisten as empresas que se crean, sumando 175 millóns de euros entre xaneiro e outubro, e un total de 370 empresas. Do mesmo xeito, segundo os datos que difundiu hoxe o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade as exportacións galegas seguen a marcar novos récords, acumulando un crecemento do 8% ata setembro, e mantendo a segunda mellor balanza comercial en termos absolutos despois do País Vasco.  

 

550

Na súa intervención, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que para achegar o asesoramento e os apoios precisos para que ningunha boa idea se quede no caixón por falta de financiamento, Galicia disporá por terceiro ano consecutivo dunhas contas expansivas, 9.487 millóns de euros que permitirán máis gasto social, máis investimento produtivo, e menos impostos. O obxectivo é consolidar a recuperación económica dos últimos anos, cun crecemento estimado do 2,5% e a previsión de reducir a taxa de paro en 2018 ata arredor do 14% coa estimación de crear 17.500 empregos.

Dentro dos apoios previstos, Conde destacou o novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs), que xa está dispoñible e a través do cal se prevé mobilizar 60 millóns de euros en investimentos das pemes galegas en máis de 100 proxectos desenvolvidos no ámbito da Industria 4.0, iniciativas impulsadas por novos emprendedores e proxectos innovadores. A través desta iniciativa, ofrécense préstamos de entre 50.000 euros e un millón, con prazos de amortización de entre 7 e 12 anos. Ademais, inclúen unha axuda para rebaixar os custos financeiros, polo que os xuros poderían quedar no 0%.