Dende a Limia
03:46 h. Miércoles, 18 de Octubre de 2017

A conselleira do Medio Rural visitou a Indicación Xeográfica Protexida e varias industrias transformadoras da zona

| 23 de Septiembre de 2017 (13:24 h.)
416
416

Alí apelou á importancia de seguir traballando para dar a coñecer este produto galego de calidade e agradeceu ao consello regulador o seu labor de control

418A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, realizou hoxe unha visita ao concello ourensán de Xinzo de Limia para comprobar a marcha da colleita de pataca deste ano, que está a ter moi bos resultados tanto en calidade como en cantidade. “E cómpre destacar tamén o excelente estado no aspecto fitosanitario, xa que non houbo pragas nin enfermidades”, sinalou a conselleira na sede da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia, que coñeceu acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Ángeles Vázquez puido comprobar o avance da recollida que este ano se adiantou varias semanas respecto á campaña anterior. Xa vai recollida en torno ao 30% da pataca na comarca e ata o 70% daquela pertencente á IXP. Está previsto que os traballos rematen entre a próxima semana e principios de outubro, segundo trasladaron os portavoces do consello regulador. Respecto á produción, espérase recoller arredor de 125 millóns de quilos de pataca na zona, das que 8,5 ou 9 millóns están amparadas pola IXP. Polo tanto, uns valores superiores nun 10% en relación co ano pasado, segundo cálculos do Consello Regulador.

Durante a súa estancia no municipio, a conselleira coñeceu tamén varias industrias relacionadas con esta produción: dunha banda, a planta de envasado e distribución Patatas Conde na finca Devesa e tamén a empresa Patatas Guays no lugar de Piñeira Seca que elabora patacas fritidas. A conselleira felicitou a ambas compañías pola súa aposta pola elaboración e transformación, que contribúen a revalorizar un produto xa de por si recoñecido polos consumidores de dentro e fóra de Galicia.

Laboratorio único en España

Neste sentido, a conselleira apelou á importancia de seguir loitando por promocionar este produto e destacou o traballo que está a levar a cabo o seu consello regulador, non só para a súa comercialización, senón tamén á hora de manter os máximos niveis de calidade do produto a través de controis e para aglutinar ao sector. Nesta liña, Ángeles Vázquez coñeceu tamén o laboratorio da IXP, o único do seu tipo acreditado en España e onde se realizan todo tipo de probas e controis para garantir a excelencia na produción.

A titular de Medio Rural aproveitou tamén a súa presenza na Limia para coñecer a produtores. Así visitou as plantacións dun particular con ata 14 hectáreas de pataca en pleno proceso de recollida e puido comprobar de primeira man o bo estado da produción deste ano.

Patatas Conde e Patatas Guays

417

Patatas Conde é unha sociedade limitada que conta con distintas naves en Xinzo de Limia. Factura arredor de oito millóns de euros e conta cunha vintena de traballadores. A súa produción ronda os 10 millóns de quilos.

419

Pola súa banda, Patatas Guays é unha empresa de carácter familiar con catro traballadores, constituída no ano 1994 e que agora conta cunha facturación de preto de 250.000 euros. Respecto á produción, é superior aos 249.000 quilos de patacas fritidas ao ano, o 80% de orixe galega.