Dende a Limia
17:34 h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

A Consellería de Cultura realiza novas excavacións arqueolóxicas na Torre de Pena

| 11 de Octubre de 2017 (22:11 h.)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, adxudicou a escavación arqueolóxica na fronte NE da torre do Castelo da Pena (Xinzo de Limia, Ourense) por un valor de 16.879,50 euros. Os traballos, que levará a cabo a empresa  Citania Arqueoloxía, SL, comezarán o vindeiro luns, 16 de outubro e terán unha duración estimada de 10 días.

O Castelo de A Pena, do século XII, localízase nun cumio preto da Parroquia de A Pena no concello ourensá de Xinzo de Limia. Este castelo formaba parte das fortificacións que se erguían no entorno da Lagoa de Antela en época medieval. Del consérvase  en bo estado a fábrica exterior da torre da homenaxe e boa parte da muralla exterior. Trátase dun ben declarado ben de interese cultural que é propiedade da xunta de Galicia, logo da cesión gratuíta que lle fixo a Administración Xeral do Estado no ano 2009.

Os traballos de escavación que se contrataron enmárcanse nos estudos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver neste ben de cara á súa posta en valor. Desde o ano 2015 realízanse campañas anuais de roza manual e clareo da vexetación na parcela propiedade da Xunta de Galicia, na que se sitúa practicamente a totalidade das estruturas do castelo, de cara a facilitar a súa visita e atallar o risco de incendios. Estes labores de limpeza estendéronse tamén, no 2017, á parcela na que se sitúa o Castelo de Sandiás, coñecido como Torre do Castro, tamén de propiedade da Xunta de Galicia, actualmente en execución. No ano 2016, os traballos no Castelo da Pena continuaron coa realización dunha documentación xeométrica 3D do estado actual da torre da homenaxe, un levantamento planimétrico do xacemento e unhas sondaxes arqueolóxicas valorativas coa finalidade de avaliar as distintas zonas do castelo. A través destas últimas comprobouse a secuencia estratigráfica dos distintos recintos do sitio e localizáronse diversas tramos de muralla que permanecían ocultos.

A actuación deste ano pretende acometer a escavación arqueolóxica da fronte NE da torre da homenaxe, na que se sitúa a entrada a esta, nun ámbito aproximado duns 95 m2. O obxectivo é estudar en profundidade os diferentes restos murarios que se aprecian en superficie, documentándoos en planta e alzado, datalos e estudar os diferentes niveis arqueolóxicos que se relacionan con eles. Ao remate da intervención deberán taparse todas as sondaxes abertas, en previsión de que se deseñe unha posta en valor definitiva do conxunto. Os traballos deberán acompañarse, ademais, de labores de divulgación dos traballos que se leven a cabo e sobre os valores propios do xacemento arqueolóxico na comunidade local.