Dende a Limia
16:35 h. Lunes, 22 de Octubre de 2018

O desfile infantil do Entroido de Xinzo terá máis de 2000 participantes

O. Ferreiro | 17 de Enero de 2018 (23:28 h.)
Imaxe da reunión celebrada hoxe mércores no Salón de Plenos do Concello de Xinzo de Limia.
Imaxe da reunión celebrada hoxe mércores no Salón de Plenos do Concello de Xinzo de Limia.

Hoxe mércores, ás 11:00 horas da mañá, tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Xinzo de Limia, unha reunión entre a corporación local, a Policía Local, Protección Civil e os centros educativos da comarca que participarán no desfile infantil do Entroido de Xinzo 2018.

O tema central da reunión centrábase na organización de dito desfile, que xa ten data e hora fechadas. Será o venres, día 9 de febreiro, ás 11:30 horas da mañá. A rapazada sairá dende a Avenida de Madrid no seu cruce coa de San Sebastián, pasando pola Avenida de Ourense e Marcelo Macías. Rematará no centro educativo Carlos Casares cunha festa na que haberá chocolate quente e música.

A maiores dos centros educativos de Xinzo de Limia, participarán tamén os P.A.I de Sandiás e Vilar de Santos e os C.E.I.P de Baltar, Blancos, Cualedro, Rairiz de Veiga, Sandiás e Sarreaus. En total serán case 2000 participantes entre alumnado, mestres, nais, pais e grupos musicais.