Dende a Limia
05:19 h. Miércoles, 20 de Junio de 2018

Educación investirá medio millón de euros na rehabilitación enerxética do CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia

| 26 de Febrero de 2018 (22:15 h.)
Visita do Conselleiro ao Carlos Casares
Visita do Conselleiro ao Carlos Casares

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá un total de medio millón de euros na rehabilitación enerxética integral no CEIP Carlos Casares, de Xinzo de Limia. O conselleiro Román Rodríguez, que esta mañá visitou o centro acompañado da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; explicou que as obras -cuxa licitación publicará mañá o DOG- teñen como principal obxectivo dotar o centro dunha maior confortabilidade para os seus usuarios, así como acadar un aforro nos custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción.

86Para tal fin levaranse a cabo unha serie de actuacións que inclúen o illamento térmico da fachada, do forxado da baixocuberta e das caixas de persianas, así como a substitución do queimador da actual caldeira por outro de gas natural, a renovación das ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Segundo o estudo enerxético previo realizado pola Consellería, todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético de arredor do 20%. A maiores, tamén está previsto acometer a reparación e pintado dos paramentos interiores do colexio. Todas estas obras están cofinanciadas con Fondos FEDER.

Segundo deu conta o conselleiro, esta é unha das dúas obras de rehabilitación enerxética que se acometerán este ano na provincia de Ourense (a outra prevista é a do CEIP Plurilingüe de Ribadavia) e das nove que se realizarán no conxunto da Comunidade. Todas elas enmárcanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha en 2016, e que no presente ano 2018 suporá un investimento de preto de 4,5 millóns de euros.

 

O Carlos Casares tamén é un exemplo da aposta estratéxica da Consellería polo ensino plurilingüe


85Román Rodríguez destacou o compromiso do seu departamento coa mellora das dotacións educativas en toda Galicia e, en concreto, no concello de Xinzo de Limia, onde se levan investidos preto de dous millóns de euros nos últimos anos. Ademais salientou que o Carlos Casares tamén é un exemplo da aposta estratéxica da Consellería polo ensino plurilingüe (cun auxiliar de conversa en inglés); e polo fomento das vocacións STEM (coa integración curricular da robótica e a programación). Así mesmo, o CEIP traballa a través dos contratos-programa nas liñas de mellora das competencias clave en matemáticas e da calidade na xestión dos centros.