Dende a Limia
05:34 h. Miércoles, 20 de Junio de 2018

O IGAPE subvencionará novos proxectos empresariais que creen emprego no rural

O. Ferreiro | 14 de Marzo de 2018 (23:53 h.)
Imaxe dun momento da ponencia.
Imaxe dun momento da ponencia.

A asociación de comerciantes ProLimia, xunto co IGAPE e a Xunta de Galicia organizaron hoxe unha xornada formativa na capital da Limia para informar sobre o programa "Rural emprende". A charla tivo lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Xinzo de Limia a cargo do Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Don Guillermo Viña.

Na mesma, informouse da convocatoria deste programa que pretende facilitar a creación de novas empresas e o desenvolvemento de novidosas actividades económicas no rural galego. Neste senso, serán subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas "non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sostenibilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais".

IMG-20180314-WA0012

Tratarase de subvencións a fondo perdido por parte da administración por método de concorrencia competitiva, polo que os proxectos presentados deberán estar correctamente documentados e demostrar viabilidade aconómica, ademáis de creación de emprego e non estaren encadrados no sector agrogandeiro. Si poderán concorrer, os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

Non se concederán axudas a empresas en crise. Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas ou as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura.

Os interesados e interesadas poderán dirixirse ás oficinas territoriais do IGAPE para obteren máis información.