Dende a Limia
19:37 h. Sábado, 18 de Noviembre de 2017

Limisi recibiu máis de mil euros da recadación do Festival FAX

O. Ferreiro | 24 de Agosto de 2017 (20:12 h.)
Momento da entrega do cheque ña asociación Limisi no Salón de Plenos de Xinzo de Limia.
Momento da entrega do cheque ña asociación Limisi no Salón de Plenos de Xinzo de Limia.

Na mañá de hoxe, o Salón de Pleno do Concello de Xinzo de Limia acollía o acto de entrega do cheque á asociación Limisi - Diversidade Funcional, co 30% do recadado coas entradas do Festival FAX.

Vendéronse case 420 entradas e recadáronse máis de 3.800 €.

Comezou falando o organizador do festival e director de Escena Sonora, José Manuel Freiría, quen agradeceu a resposta popular, a cobertura mediática e as diferentes achegas realizadas polo comercio local. Segundo indicou, vendéronse un total de 417 entradas, mais outras outros 30 convites; o que sinala que se congregaron máis de 440 persoas de público no evento. Coa venda de entradas recadáronse 3.856 €, aos que trala correspondente redución do IVE e dos impostos da SGAE e aplicando o 30%, da como resultado a cantidade a percibir por Limisi, que sería de 976€. Porén, e segundo indicou Freiría, a última hora, a empresa Ambulancias do Carme, ás que se lle contratara o servizo, decidiu non cobrar a factura para que ese diñeiro se lle concedese tamén á asociación Limisi, polo que a transferencia total ascenderá a máis de 1170€.

A intención de Escena Sonora e do Concello de Xinzo de Limia é a de volver organizar o festival o próximo ano. 

"Todos os grupos parabenizaron á organización polo traballo e a acollida", sinalou Freiría, quen tamén comentou que a súa intención é "poida haber outra nova edición o próximo ano e nela traballaremos con maior ímpetu".

O alcalde, Antonio Pérez, comezou agradecendo á asociación Limisi e ao coordinador do festival, José Manuel Freiría pola súa aposta. "Por parte do Concello haberá unha segunda edición do Festival FAX con máis tempo e maior capacidade", afirmou o rexedor de Xinzo. A idea do consistorio, así mesmo, é seguir colaborando coa asociación Limisi - Diversidade Funcional. 

Os representantes de Limisi alí presentes agradeceron á organización e ao consistorio a súa aposta e a súa colaboración e recibiron, a través dun dos seus membros, o cheque de mans do Concello de Xinzo de Limia e Escena Sonora.