Dende a Limia
18:01 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

Moitos cambios no "novo" método de traballo da Comisión do Entroido 2018

O. Ferreiro | 07 de Noviembre de 2017 (23:07 h.)
Os membros da Comisión do Entroido, na Casa da Cultura, pouco antes do comezo da reunión.
Os membros da Comisión do Entroido, na Casa da Cultura, pouco antes do comezo da reunión.

Hoxe venres, día 7 de novembro, tivo lugar na aula 7 da Casa da Cultura de Xinzo de Limia, a terceira asemblea xeral do que será a comisión do Entroido de Xinzo de Limia para este ano 2018.

Trátase da comisión con maior participación cidadá de todos os tempos, cun total de 27 integrantes adscritos á mesma de xeito voluntario, das 45 persoas que se presentaron á convocatoria da Concellería de Cultura hai xa tres semanas.

O modelo de traballo que desenvolverá esta comisión basearase en asembleas xerais e participativas e nos correspondentes grupos de traballo enmarcados nunha área específica do Entroido.

O modelo de traballo que desenvolverá esta comisión basearase en asembleas xerais e participativas e nos correspondentes grupos de traballo enmarcados nunha área específica do Entroido: música e actividades, tradición, decoración, infraestruturas, comunicación e promoción, finanzas, burocracias e relacións internas. Todas elas terán total autonomía de reunión. Este modelo busca nos seus obxectivos o respecto mutuo, a eficacia e a elección democrática de cada unha das decisións que se tomarán sobre o Entroido. Cada grupo de traballo contará cunha persoa representante a cal terá como labor presentar as propostas estudadas polo grupo e comunicarlle a este toda aquela información pertinente que xurda das asembleas de representación, que funcionará como segundo órgano de elección despois da asemblea xeral. Todo isto, cun moderador que rexerá a quenda de palabra e un secretario que tomará rigorosa acta do falado nas asembleas.

Nas últimas asembleas desta comisión, frutíferas a todos os niveis, tomáronse eleccións de grande peso para a celebración, que comezará xa o día 20 de xaneiro. Como principais obxectivos da comisión deste ano destacan:

Foi elección unánime da asemblea abandonar o método do Concurso Popular para elixir o cartel pola contratación de profesionais no eido do deseño e a comunicación

- A mellora da imaxe do Entroido, tanto cara ao público xeral como para os medios de comunicación. Foi elección unánime da asemblea abandonar o método do Concurso Popular para elixir o cartel pola contratación de profesionais no eido do deseño e a comunicación, que elaborarán non só un cartel para o evento, senón que se preocuparán de mostrar unhas liñas concretas de traballo para que o Entroido de Xinzo consiga unha estética pensada, atractiva e fresca. 

- A mellora no aspecto da tradición, da súa salvagarda e recuperación, saíndo adiante iniciativas tales como a recreación dos ritos dos domingos previos que conforman o ciclo festivo do Entroido de Xinzo no desfile que ten lugar o Martes de Entroido, servindo o desfile como escaparate da tradición do Entroido de Xinzo; a celebración dunha Mascarada con traxes do sur da provincia de Ourense na mañá do Domingo de Oleiros ou o potenciamento da alborada do Domingo de Entroido, seguindo coa tradición case perdida que tiña o noso Entroido. Acordouse por consenso manter o Sábado do Colgamento do Meco pola liña marcada nos anteriores anos, debido á súa grande acollida e resultado, traballando na recuperación de figuras como o touro, os fachóns, os gordos e outros personaxes case esquecidos.

Ata o de agora o "novo" método de traballo acadado pola Comisión do Entroido está resultando frutífero.

- No aspecto financeiro tomouse a decisión de deixar de lado o método empregado ata o de agora para a recadación de diñeiro, e habilitar unha conta que se porá a disposición de todas as veciñas e veciños de Xinzo, onde se poderán ingresar as doazóns pertinentes de maneira voluntaria. O motivo desta elección foi a busca de transparencia confiando na vontade do pobo e na concienciación social, recordando que o Entroido é unha festividade popular e cada doazón é necesaria para que se faga posible.

Ata o de agora o "novo" método de traballo acadado pola Comisión do Entroido está resultando frutífero, chegando as máis das veces a un consenso dos 27 participantes ou, no seu defecto, á adopción de acordos por maioría absoluta, nun bo clima de traballo.

O seguinte punto a tratar será o encadrado no eido da música e as actividades, o mércores día 8 deste mes, seguindo debates sobre a limpeza, a seguridade ou a decoración nos días da festividade.