Dende a Limia
03:41 h. Lunes, 20 de Febrero de 2017

O Museo da Limia convoca o II Certame Literario Carlos Casares

O. Ferreiro | 13 de Febrero de 2017 (21:25 h.)
45
45

O Museo da Limia –en Vilar de Santos–, xunto co Centro de Cultura Popular do Limia e a Fundación Carlos Casares –que preside o irmán do falecido escritor–, veñen de convocar o II Certame Escolar de Creación Literaria e Plástica "Carlos Casares". Así mesmo tamén realizarán varias actividades de homenaxe á figura do literato limián ao longo deste ano.

A primeira delas é esta segunda edición do certame, que ten un significado especial por ser o ano no que se homenaxea ao escritor limián no Día das Letras Galegas. No pasado ano 2012, con motivo do décimo cabodano do pasamento do escritor, promovérase a celebración do I Certame de Creación "Carlos Casares", no que participaran os 12 centros educativos da comarca, con cerca de 200 traballos –colectivos ou individuais– nas dúas modalidades da convocatoria –literaria e plástica–, a partir da análise e recreación de 20 obras do autor limiao.

O obxectivo que perseguen de novo as actividades organizadas por estas tres entidades é o de acrecentar e enriquecer o estudo e difusión da figura e da creación de Carlos Casares nos diferentes sectores da sociedade, con especial atención ao ámbito educativo.

casares

A infancia e a adolescencia de Carlos Casares transcorren en territorio limiao, con unha intensa vinculación vivencial e emocional que se vai prolongar ao longo de toda a súa fecunda existencia. A historia, a xente e a terra da comarca convértense en material literario e inspiran moitas das creacións do escritor: Vento ferido, Xoguetes para un tempo prohibido, Os mortos daquel verán, O galo de Antioquía, Os escuros soños de Clío, Deus sentado nun sillón azul, Un país de palabras… así como numerosos artigos xornalísticos da súa celebrada columna diaria Á marxe.

Os lugares onde asentan as historias, os relatos, transcenden o espazo físico e pasan a formar parte da paisaxe eterna da fantasía. En Xinzo de Limia, Sabucedo, Lamas, A Forxa, A Filgueira, Morgade, Trandeiras, o alto do Furriolo ou a chaira da Limia, aínda latexan os ecos das voces que transmiten ao narrador, que tanto gusta de escoitar desde neno, a maxia das palabras da oralidade e, ao mesmo tempo, a firme lealdade á fala.

Carlos Casares vive na palabra, que resulta para el tan necesaria como o ar. Con unha memoria prodixiosa, ten o talento e a habilidade de personalizar canto escoita ou observa en asunto de fantástico relato oral e/ou escrito. Persoa xenerosa e tolerante, participa en cantas iniciativas é solicitada a súa presenza. O  seu compromiso con Galicia e a súa capacidade de traballo lévano a asumir múltiples responsabilidades culturais e políticas. Embaixador entusiasta da galeguidade nas súas moitas viaxes polo mundo, presume sempre da súa condición de galego.

A sociedade galega ten unha débeda inmensa de gratitude con Carlos Casares. Estas actividades son, segundo os organizadores "apenas unha mínima manifestación de recoñecemento" á súa figura.