Dende a Limia
01:21 h. Jueves, 29 de Junio de 2017

Os nenos e nenas de Xinzo reivindican un maior emprego da bicicleta

O. Ferreiro | 07 de Junio de 2017 (22:20 h.)
Os vehículos de dúas rodas sen motor percorrendo Xinzo.
Os vehículos de dúas rodas sen motor percorrendo Xinzo.

Hoxe celebrouse en Xinzo, por segundo ano consecutivo, o Día da Bici. Nesta edición a participación ampliouse tamén á dos IES Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía. Trátase dun programa vinculado ao Plano Proxecta da Xunta de Galicia que contou coa colaboración co Concello de Xinzo, a Policía Local, a Dirección Xeral de Tráfico e, sobre todo, Protección Civil, cuxos voluntarios montaron o circuito do que os escolares limiáns puideron desfrutar na praza Carlos Casares. Foi unha xornada de conmemoración do emprego da bicicleta para ir aos centros escolares, pero tamén de reflexións. Neste senso, no dendealimia falamos cos directores dos dous colexios impulsores desta xornada.

 

Elena Castro: "Nós estamos participando porque cremos na mobilidade sostible e segura".

Elena Castro é a Directora do CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia. "Nós estamos participando porque cremos na mobilidade sostible e segura", afirma. "Pola nosa banda, con esta dinámica educativa, planificamos unha ximcana na parte central do centro, na que participaron até 130 alumnos e pola que se pechou a rúa Marcelo Macías". A ximcana comezou ás 10:00 horas da mañá e rematou ás 11:30 horas. Os alumnos máis de infantil foron participando por quendas e, a continuación, os maiores –de 5 anos– dirixíronse á Praza Carlos Casares para o circuito organizado pola administración local e Protección Civil. Elena está convencida de que este programa "promociona a autonomía do alumno e fai que sexan capaces de respectar os sinais de tráfico e de manter unha educación viaria acertada". "Entendemos que estas actividades nos facilitan a boa educación", conclúe. 

 

Unha das demandas dos centros é a creación dun carril bici en Xinzo de Limia para aumentar a seguridade das persoas que empregan este medio de transporte.

José Manuel, director do CEIP Rosalía de Castro, afirma, pola súa banda, que "estamos intentando concienzar para a creación dun carril bici en Xinzo". "Procuramos impulsar o emprego da bicicleta e dos medios de transporte sostibles, por enriba do coche", comenta.

IMG-20170607-WA0002

No seu centro xa fomentan o emprego da bici a diario. "Nós dispomos dun amplo aparcadoiro de bicis dentro do propio centro para que poidan estar custiodadas", comenta José Manuel. No seu centro pídenlle aos alumnos que vaian ao cole en bici a diario "e así o están facendo cada vez máis". "Queremos facerlle ver aos nenos e ás familias que é un bo xeito de fomentar hábitos saudables", apunta tamén.

IMG-20170607-WA0003

José Manuel: "Pretendemos que o Día da Bici sexa cada vez máis grande".

Sobre o futuro desta conmemoración sinala Jose Manuel que "pretendemos que se faga cada vez máis grande". O ano que vén a idea é que se faga con todos os alumnos do centro e non só cos cursos de infantil, según comentan ambos directores. "Dentro do claustro manifestamos que queremos seguir conmemorando para conseguir o noso obxectivo, que é concienciar ás autoridades de que hai un uso deste medio e que urxe que retomen a iniciativa do carril bici", conclúe.

IMG-20170607-WA0001

De novo foi unha xornada para a conmemoración dos hábitos saudables e dos medios de transporte sostibles. Só queda que as autoridades apunten os obxectivos e os leven a cabo.