Dende a Limia
00:46 h. Martes, 12 de Diciembre de 2017

Novas testemuñas sinalan a man do secretario nas contratacións irregulares en Xinzo

O. Ferreiro | 05 de Octubre de 2017 (23:09 h.)
Declaración do técnico de informática do Concello de Xinzo de Limia, respostando preguntas do letrado da defensa.
Declaración do técnico de informática do Concello de Xinzo de Limia, respostando preguntas do letrado da defensa.

Onte mércores, día 4 de outubro, tivo lugar a terceira sesión do xuízo contra o alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, por prevaricación administrativa continuada. Como xa anunciaramos neste medio na crónica da sesión anterior, o mércores tamén se sentaron no banco das testemuñas outros dous concelleiros. Xunto con eles, testificaron dous xefes de servizo e outras dúas das persoas que foran contratadas de maneira supostamente irregular.

Un dos nós fundamentáis deste xuízo é determinar quen tomaba a decisión última da contratación.

De novo, todos eles foron interrogados por Fiscalía, acusación particular e polo letrado da defensa. As preguntas das dúas primeiras voltaron xirar en torno ao procedemento das contratacións e ao motivo polo que non se seguían os procesos de selección que recolle a lexislación. Un dos nós fundamentáis deste xuízo, habida conta das declaracións e testificacións contraditorias que se deron ata o momento, é determinar quen tomaba a decisión última da contratación.

José Luis Saburido, responsable do Centro de Atención á Muller de Xinzo de Limia, explicou que, no seu caso, sóamente presentara que existía unha necesidade urxente de contratación no seu departamento. Segundo as súas palabras, o posto no que se finalizara contrato e que quedara vacante era para a realización de labores de rexistro de documentación e, segundo o testigo, solicitouse a renovación do contrato de quen ata ese momento desempeñara esas funcións, sen precisar se era coñecedor de que o procedemento estaba a ser irregular.

Fiscalía e acusación particular insistiron en que o posto estaba predestinado en base á declaración das testemuñas da xornada anterior.

Saburido, ao igual que fixeran case todos os concelleiros que declararan ata entón –excepto Montse Lama– deixou á marxe ao alcalde, sinalando que o proceso de selección "levábao o secretario".

O seguinte declarante citado a testificar foi Julio Cabrera, quen coincidiu en afirmar que o que se solicitaba "era un traballador por necesidades de servizo", pero sen especificar nomes, aínda que Fiscalía e acusación particular insistiron en que o posto estaba predestinado en base á declaración das testemuñas da xornada anterior.

Carlos Gómez mesmo chegou a dicir que o rexedor limián nin sequera dispuña dunha computadora no seu despacho.

A defensa puxo de novo o foco das súas preguntas ás testemuñas na "confianza existente entre secretario e alcalde", para explicar a afirmación de Antonio Pérez de que asinaba os documentos de contratación sen miralos. Na declaración da edil de Medio Ambiente, María Dolores Calvo, voltouse confirmar a versión da maioría dos concelleiros. "O alcalde non redactaba ningún expediente administrativo e tampouco lía os escritos que lle pasaba Demetrio Martínez", afirmou Calvo. Ante as múltiples testificacións en que se afima que non se len os documentos, Rosa Tallón, letrada do Ministerio Fiscal, chegou a preguntar con sorna se había alguén que lese os documentos antes de asinalos no Concello de Xinzo de Limia. 

Outra das testificacións máis esperadas era a do concelleiro de Cultura, Turismo e Patrimonio, Carlos Gómez, quen proseguiu no mesmo relato que os seus compañeiros de goberno –relato ao que ata o de agora só se opuxo a concelleira de comunicación Montserrat Lama– e mesmo chegou a dicir que o rexedor limián nin sequera dispuña dunha computadora no seu despacho.

Cuarta sesión do xuízo a Antonio Pérez

O xuízo proseguiu este xoves, dende as 9:30 horas, coa toma de declaracións a outras seis testemuñas. Relevante foi a testificación de Jorge Luis, técnico informático do Concello de Xinzo de Limia. Ante o feito declarado polo acusado –e que constitúe unha das probas da defensa– de que o secretario redactou informes de contratación e de reparo meses despois de que esas contratacións se levasen a cabo e chegou a poñer a data das contratacións –en troques da data na que foran redactados–, chegouse a precintar a computadora de Demetrio Martínez, que ata o momento permanece baixo tutela da Policía Local do municipio. Jorge Luís foi o responsable de extraer unha copia dos arquivos dese ordenador precintado. Eses arquivos demostrarían que a data dos informes de contratación que redactaba o secretario non se correspondía coa data na que realmente foran redactados.

IMG_4188

O problema chego cando a Fiscalía lle advertiu á testemuña de que a proba non podía ser válida se esa extracción non se realizaba en presenza dun secretario xudicial, cousa que o propio Jorge Luís recoñeceu que non ocorrera. Preguntado polo Ministerio Fiscal, o informático declarou que era o secretario quen se encargaba de preparar os documentos de contratación. Así mesmo, sinalou –perante os risos da Fiscalía– non lembrar se cando entrara no Concello de Xinzo de Limia lle fixeran algunha entrevista persoal.

No Concello de Xinzo de Limia –entre a época de Isaac Vila e a de Antonio Pérez– foran contratadas un total de 73 persoas de maneira irregular.

Declarou tamén o perito técnico de Galibalia –empresa externa– que estivera encargado da realización dun informe sobre a situación das contratacións de persoal no Concello de Xinzo de Limia nas últimas décadas e ata a actualidade. Nese informe recollíase que no Concello de Xinzo de Limia –entre a época de Isaac Vila e a de Antonio Pérez– foran contratadas un total de 73 persoas de maneira irregular. Se ben aclarou que todos eses contratos foran indefinidos e non se pode agora botar a eses traballadores. 

A actual secretaria co consistorio afirmou que dende que ela está traballando na Casa do Concello non permitiu nin permitirá nunca que se faga ningún contrato sen previo proceso de selección. Deste xeito sinalou que secretaría ten potestade para frear os intentos de contratacións irregulares e, de non ser así, declarou que o procedemento sería "emitir un informe de reparo escrito" e dar conta da súa non conformidade co procedemento na sesión plenaria seguinte ante toda a corporación. As súas declaracións poñen en entredito o afirmado polo anterior secretario Demetrio Martínez.

Mañá venres non se sabe se finalmente haberá nova sesión deste xuízo –no que a Fiscalía pide ata 10 anos de inhabilitación para o rexedor de Xinzo de Limia– e as correspondentes conclusións. Esta casuística débese a que unha das testemuñas chamadas a declarar aínda non foi identificada. A xuíza deu orde á Policía Xudicial para localizala e levala a testificar. De non aparecer, retrasaríase a última sesión e as correspondentes conclusións ata que esta persoa poida testificar.