Dende a Limia
03:59 h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

Pleno de "guante branco" para inaugurar o renovado Salón de Plenos

O. Ferreiro | 31 de Mayo de 2017 (22:15 h.)

O pleno ordinario que se foi atrasando por mor da remodelación das bancadas do Salón de Plenos de Xinzo e as celebracións do Día das Letras Galegas, celebrouse na mañá do mércores 31 de maio.

Varios foron os puntos da orde do día que se aprobaron por unanimidade; e os que non, contaron coa a abstención dos grupos da oposición sen ter en ningunha das propostas do grupo de goberno un voto negativo.

FELICITACIÓNS Á CONCELLEIRA AUSENTE

Todos os grupos na súa primeira intervención quixeron transmitir as súas felicitacións á concelleira Montse Lama pola súa recente maternidade. E para continuar no mesmo ton, tamén recibiron os do grupo de goberno as correspondentes felicitacións pola presentación e aprobación definitiva da ordenanza de subvencións. No mesmo senso, o portavoz do PP felicitou ao Sr. Rodríguez –portavoz do BNG– pola súas achegas á devandita ordenanza municipal que se aprobou cos votos a favor do PSOE e do PP e as abstencións de BNG e Xinzo Adiante.

Todos os grupos parabenizaron á concelleira Montse Lama pola súa recente maternidade.

Outro dos puntos da orde do día era a presentación de liquidación á empresa que xestiona a auga no municipio, que segundo o propio consistorio –en negociación coa mesma– Xinzo tería que recibir 52.000 €. Neste punto tamén votaron todos os partidos de forma positiva.

DÚAS PROPOSTAS CONSENSUADAS

A continuación tratáronse dúas mocións conxuntas que foron loxicamente aprobadas por unanimidade. A primeira referíase a que os escritos que saian do concello leven todos un anagrama conmemorativo do Día das Letras Galegas 2017 adicado a Carlos Casares.

Xinzo Adiante presentou un rogo de cara a concienciar á cidadanía que ten animais de compañía para que non deixen os parques e as beirarrúas cheas de excremento.

A seguinte moción conxunta foi a de instar á Xunta de Galicia a que faga un estudo exhaustivo sobre a incidencia do cancro na Limia e para que se tomen todas as medidas que se teñan que tomar ao respecto.

Moitos foron os rogos e preguntas dos voceiros da oposición que o alcalde foi contestando. A máis debatida foi a presentada polo grupo independente Xinzo Adiante de cara a concienciar á cidadanía que ten animais de compañía para que non deixen os parques e as beirarrúas cheas de excremento. Propón facer unha campaña de concienciación e que a primeira vez que se vexa, se avise aos propietarios e as seguintes que se poñan sancións por parte da Policía Local, posto que a situación está a ser moi grave.