Dende a Limia
03:57 h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

Premian a Xinzo como un dos concellos con máis doazóns de sangue

O. Ferreiro | 14 de Junio de 2017 (22:35 h.)
Carlos Gómez recollendo o galardón xunto con outros premiados e o conselleiro Almuiña.
Carlos Gómez recollendo o galardón xunto con outros premiados e o conselleiro Almuiña.

O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou o carácter xeneroso dos galegos a prol da doazón de sangue no transcurso da entrega de recoñecementos, co gallo do Día Mundial do Doador de Sangue que tivo lugar esta maña nun acto desenvolvido na Cidade de Cultura. Así mesmo, o titular do departamento de Sanidade quixo facer unha positiva valoración do traballo realizado a prol da creación dunha conciencia social proclive á doazón de sangue, que levou a Galicia a situarse como unha das Comunidades Autónomas con maiores índices de participación.

O Concello de Xinzo de Limia foi un dos dsitinguidos neste acto como o terceiro municipio con maior taxa de doantes.

O Concello de Xinzo de Limia foi un dos dsitinguidos neste acto como o terceiro municipio con maior taxa de doantes, concretamente, 61 de cada 1000 cidadáns da capital da Limia, doan sangue cada ano. O concelleiro de Turismo e deputado galego, Carlos Gómez, recolleu o galardón.

Os outros concellos que obtiveron o recoñecemento como os de maior taxa de doazón de Galicia foron Padrón, cun índice de 101 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano; A Guarda, con 84/1000; Pobra de Trives con 61/1.000; e Lourenzá, que acadou 46/1.000.

O concelleiro de Turismo e deputado galego, Carlos Gómez, recolleu o galardón.

Así mesmo, o Centro de Vigo do Grupo PSA, Inditex e Jealsa, recibiron a distinción na categoría de empresas e as facultades de Informática da Coruña, Medicina de Santiago e ETS de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo acadaron o recoñecemento por ser as de maior número de doazóns de sangue no eido universitario galego.

Pola súa banda, os centros de ensino non universitario distinguidos hoxe como os de máis participación durante o pasado ano 2016 foron o CIFP Ánxel Casal da Coruña, IES Muralla Romana de Lugo, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcarcel de Ourense e o IES Politécnico de Vigo.

As forzas armadas tamén tiveron o seu recoñecemento.

As forzas armadas tamén tiveron o seu recoñecemento coas distincións outorgadas á Escola de Especialidades Antonio de Escaño de Ferrol e á Base Militar General Morillo de Pontevedra.

No pasado ano, Galicia mantivo por décimo sétimo ano consecutivo a taxa de doazón de sangue recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS), pese as dificultades que o envellecemento sociodemográfico supón para renovar a base de doadores.