Sábado 19.01.2019

Protección Civil de Xinzo realizou case 900 saídas ao longo de todo o ano 2018

O documento anual recolle un moi importante incremento da retirada de niños de velutina no 2018 con respecto ao pasado ano 2017.

Agrupación de Voluntarios de Proteción Civil de Xinzo
Agrupación de Voluntarios de Proteción Civil de Xinzo

A agrupación de voluntarios de Protección Civil vén de presentar a súa memoria anual de actividade.

A agrupación municipal de voluntarios de Protección Civil de Xinzo de Limia vén de presentar a súa memoria de actividade do pasado ano 2018. Neste documento recóllese a realización dun total de 888 saídas da agrupación, tanto dentro do termo municipal coma noutros concellos e comarcas da provincia de Ourense. Destacan os meses do verán –especialmente xullo– coma os meses de maior actividade, debido á numerosa cantidade de festas e celebracións que teñen lugar nestas datas por toda a xeografía.

Con respecto á preseza de niños de avespa velutina na nosa comarca, a agrupación municipal informa dun incremento moi notable dos avisos a este respecto. Só no pasado mes de setembro retiraron 43 niños, cando en todo o pasado ano 2017 só se produciran dúas destas actuacións. A retirada destes case dous centos de niños foi posible grazas á colaboración da agrupación de voluntarios co parque de Bombeiros da Limia.

Entre outras moitas outras actuacións e saídas destacan a súa presenza en accidentes na estrada, no rescate de animais e en operativos específicos para festexos e todo tipo de eventos e celebracións. Destacan, iso si, que o número de operativos non programados duplicouse no últimos ano. O longo de todo o ano, a agrupación actuou en operativos dos seguintes municipios: Sandiás, Vilar de Santos, Baños de Molgas, Maceda, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus, Couso, Muíños, Bande, Trasmiras, Os Blancos, Porqueira, Parada do Sil, Allariz e, por suposto, Xinzo de Limia. Tamén se realizaron charlas sobre a labor de Protección Civil en materia de emerxencias e retirada de niños da avespa velutina nos colexios Rosalía de Castro e Carlos Casares; e se realizaron simulacros no IES Cidade de Antioquía.

Dende a agrupación recoñecen a labor dos seus voluntarios e voluntarias, cinco dos cales mesmo resultaron condecorados e recoñecidos publicamente nestes últimos meses. Así mesmo, agradecen a colaboración da Dirección Xeral de Tráfico, da Garda Civil de Tráfico de Ourense e de Verín. Dende o Concello de Xinzo de Limia, así mesmo, tamén recoñecemos enormemente a importante labor que realizan de maneira completamente desinteresada todos e cada un dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil.