Dende a Limia
03:51 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

O PSdeG pide fomentar o empadroamento en Xinzo tras caer por baixo dos 10.000 habitantes

O. Ferreiro | 29 de Agosto de 2017 (00:57 h.)
Evolución da poboación de Xinzo de Limia na última década.
Evolución da poboación de Xinzo de Limia na última década.

Recuperar os 10.000 habitantes para fomentar o crecemento económico da vila e para evitar a perda de fondos públicos. Iso é o que buscan os socialistas de Xinzo de Limia a través dunha iniciativa que será debatida no próximo pleno municipal e que reclama ó goberno local unha batería de medidas para aumentar o empadroamento e frear o despoboamento que sufre o municipio durante o último lustro. Os socialistas reclaman a creación dun cartón cidadán único para empadroados en Xinzo que permita o pago do 50%  nalgunha das taxas para o acceso ós servizos como a escola de gaitas, escola de danza, escolas deportivas, pavillón municipal, aulas da casa da cultura ou para cursos e talleres, entre outros servizos municipais. Así mesmo, a moción socialista propón unha revisión de impostos e taxas nos que sexa susceptible aplicar unha porcentaxe de bonificación para persoas empadroadas no municipio.

Impulsar o empadroamento en Xinzo porque supón "un seguro para o futuro da vila, xa que permitirá dinamizar a economía local".

A portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, recorda que é "transcendental" impulsar o empadroamento en Xinzo porque supón "un seguro para o futuro da vila, xa que permitirá dinamizar a economía local e tamén permitirá manter os importantes ingresos públicos provintes das arcas do Estado que o concello percibe anualmente por ter mais de 10.000 habitantes". "Eses cartos que perderemos se non incrementamos a poboación poden servir para mellorar os servizos que o Concello presta ós veciños e veciñas e tamén para o aumento de inversións ou a mellora da seguridade cidadá", recorda a edil socialista ó mesmo tempo que advirte do previsible recorte nos servizos públicos municipais a causa deste "tropezón demográfico" se "o grupo de goberno local segue de brazos cruzados e a mirar cara outro lado”. “O PP debe deixar de lado a súa habitual preguiza para actuar de inmediato, implantando beneficios fiscais pero tamén impulsando campañas de concienciación entre a poboación", asegura Lama.

A moción do PSdeG-PSOE tamén pon o seu foco na implicación cidadá

Os socialistas aseveran que esta progresiva perda de poboación reflicte a "falta de oportunidades para desenvolver un proxecto de vida no rural que obriga a emigrar" e a "incapacidade para atraer poboación". "A meirande parte dos emigrados son mozos e mozas da Limia que se formaron grazas a moito empeño e moitos cartos, como para que agora marchen a votar raíces noutras vilas e cidades de onde xa non pensan regresar", advirten. E, por iso, creen que é fundamental traballar para xerar emprego de calidade, para desenvolver novos e atractivos nichos na economía local, para promover oportunidades de negocio destinadas a emprendedores e, en liñas xerais, para levar acabo cantas medidas e accións municipais sexan necesarias para impulsar a demografía e a economía de Xinzo.

A moción do PSdeG-PSOE tamén pon o seu foco na implicación cidadá e, por iso, propón a posta en marcha dunha campaña de empadroamento difundindo a carta de servizos públicos municipais e as bonificacións ou vantaxes que teñen os empadroados en Xinzo, e o impulso dunha campaña de fomento para a instalación e apertura de novos negocios en colaboración coa renacida asociación de comerciantes e empresarios.