lunes 21.10.2019
Carlos Casares

Reunión de "notables" en Xinzo

O acto central do Día das Letras Galegas este ano vaise celebrar en Xinzo de Limia, vila en que se criou Carlos Casares.

Foto de arquivo dun acto de homenaxe que tivo lugar en Xinzo o pasado ano á figura de Carlos Casares
Foto de arquivo dun acto de homenaxe que tivo lugar en Xinzo o pasado ano á figura de Carlos Casares

A Concellería de Cultura de Xinzo de Limia vén de convocar unha reunión para o venres ás 20 horas na Casa do Concello para tratar temas relacionados coa celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao escritor limián Carlos Casares.

Están convocados a participaren da mesma a propia Fundación Carlos Casares, así como Xavier Casares –irmán do literato e presidente da Fundación– e os escritores limiáns Antón Riveiro Coello, Federico Cocho, Delfín Caseiro, o noso colaborador Rafael Laso, o historiador Miro Cerredelo e o antropólogo Manuel Mandianes.

Asistirán tamén á reunión Xosé C. Caneiro, Luís Glez.Tosar e Bieito Ledo da editorial Ir Indo.

Na reunión analizaranse as propostas de actos por parte do Concello de Xinzo de Limia e da Fundación Carlos Casares a realizar na capital da Limia e tamén as propostas que poidan traer a maiores cada unha das persoas asistentes á xuntanza.

Por parte do consistorio estarán presentes o concelleiro de cultura Luís Miguel Gil, o edil de turismo –e deputado no Parlamento Galego– Carlos Gómez e Antonio Pérez, alcalde de Xinzo, que presidirá a reunión.

Ducias de actos honrarán este ano a figura de Carlos Casares, a quen se lle dedica este Día das Letras Galegas. O pasado día 13 de febreiro presentáronse gran parte das actividades programadas pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, como representacións teatrais, lecturas da obra de Casares, exposicións, conferencias, e unha axenda completa para lembrar e recoñecer a un autor que destaca pola súa obra e polo seu traballo a prol da cultura galega.

O acto central do Día das Letras Galegas este ano vaise celebrar en Xinzo de Limia, vila en que se criou Carlos Casares.

Comentarios