Dende a Limia
14:26 h. Lunes, 10 de Diciembre de 2018

Xinzo Adiante presenta unha moción esixindo igualdade real entre homes e mulleres

O. Ferreiro | 01 de Marzo de 2018 (22:33 h.)
Manuel Pérez, Francisca Rodríguez e Xosé Miguel Barrios, concelleiros de Xinzo Adiante
Manuel Pérez, Francisca Rodríguez e Xosé Miguel Barrios, concelleiros de Xinzo Adiante

En vistas á celebración do 8 de Marzo 2018 como Día Internacional da Muller e tendo en conta que segue existindo violencia de xénero, segregación ocupacional, brecha salarial, maior desemprego feminino, escasa presenza de mulleres en postos de responsabilidade política, social e económica, falta de corresponsabilidade familiar, problemas de conciliación así como a presenza de micro machismos, nos que vivimos envolvidos de xeito cotián, podemos concluír ou poñemos de manifesto que a igualdade entre xéneros, na nosa sociedade, non é real nin efectiva.

Moi a pesar dos enormes progresos desde que en 1911 se celebrase por primeira vez O Día Internacional da Muller en Alemaña, as mulleres seguen estando sub-representadas en demasiados sectores da sociedade, limitando e retardando o desenvolvemento das propias mulleres e da sociedade en xeral.

E é por todo iso que desde aquí como cidadáns esiximos  nosos representantes que tomen as medidas axeitadas para acabar coa celebración deste día. Polo que instamos ao equipo de goberno de Xinzo de Limia a resolver o problema. Propoñemos que para que este día deixe de existir é necesario que prevexan e provean ás nosas xeracións presentes de ferramentas capaces de configurar un futuro diferente. E que faga efectivas e constantes a aplicación das leis que outorgan á Igualdade un principio e dereito fundamental da Constitución española, segundo o art. 14 e que diferentes leis outórganlle a ese fomento da igualdade o recurso da educación.

Débense ter en conta datos de relevancia como que a media das mulleres cobran seis mil cincocentos euros menos ao ano por facer un traballo de igual valor que os homes, segundo o informe do informe de UXT do 2017, que destaca o aumento da brecha salarial que pasou desde o 22,55% en 2010, ao 23,25% en 2014 e que segue subindo ata o 24% en 2017. Tamén é importante ter en conta que en España o 39% das mulleres renunciou a un emprego ou ascenso laboral debido a problemas de conciliación laboral, fronte ao 12% dos homes, segundo un estudo que publicou a Fundación Pfizer en xuño do 2014. Así como que en canto ás tarefas de corresponsabilidade as mulleres dedican 3,8 horas diarias a tarefas domésticas, fronte ás 2,9 dos homes, sendo maioritariamente as mulleres as que asumen esta función (preto do 60%).

Ademais é vital coñecer o aumento de casos de violencia de xénero entre menores, segundo o Informe Anual da Fundación Anar, que sinala que desde 2009 multiplicáronse por 10 o número de chamadas por violencia de xénero e, só o ano pasado, rexistráronse un 35,9% máis. Mesmo en 2015 foron 318 os casos de menores adolescentes que contactaron por malos tratos da súa parella ou ex parella, a maioría (o 85%) de nacionalidade española. E que ten normalizadas condutas de violencia psicolóxica como mostras de amor e máis que xustificadas pautas de comportamento violento como condutas normais dunha relación.

Tamén destacamos o aumento de bullyng, acoso escolar, e outros tipos de malos tratos psicolóxicos e físico entre iguais dentro de colexios en institutos.

Por todo iso e en consecuencia, solicitamos ao pleno Concello os seguintes acordos:

ACORDOS:

1. Este Concello entende que a desigualdade social e laboral entre xéneros mingua a riqueza social do mesmo e proponse alcanzar Igualdade Real (50-50) antes do 2030, sementando a igualdade en todos os ámbitos educativos e políticos, xerando unhas próximas xeracións libres de  estereotipados, de  sexismo e baseada na igualdade efectiva e real.

2. Este Concello declara a súa vontade de facer do municipio un exemplo de Igualdade Real (50-50) para o 2030, erradicando as violencias machistas e a desigualdade cunha política prioritaria e transversal, que impregne todas as políticas desenvolvidas a través das súas concellerías.

3. É por iso que se compromete a deseñar estratexias de actuación e elaborar os orzamentos municipais coa perspectiva de xénero, tendo en conta que a inclusión laboral en igualdade de condicións a favor das mulleres quere dicir:

a) Coñecer a realidade local respecto da situación laboral da muller no municipio, para detectar onde hai que actuar e onde previr.

b) Elaborar un plan de formación do funcionariado e da totalidade de traballadores municipais co fin de que sexan sensibles e teñan estratexias para traballar en políticas de xénero e contra a violencia.

c) Incluír a figura do Axente de Igualdade nos equipos técnicos municipais por tres motivos principais. O primeiro por ser experto en  victimoloxía de xénero; o segundo polos seus coñecementos en dereito laboral, socioloxía e psicoloxía; e o terceiro por ser capaz de realizar un estudo e deseño dun plan de igualdade específico  para a realización e consecución da igualdade 50-50 dentro do sistema  funcionarial do concello.

d) Desenvolver estratexias de fomento de igualdade e prevención do  sexismo de xénero desde os ámbitos educativo, cultural, festivo, laboral, de  incentivación do asociacionismo das mulleres, sanitario, de asistencia social, dentro das competencias municipais e telo como un criterio transversal en calquera actividade municipal.

e) Dotar todo iso nas partidas correspondentes no orzamento municipal.

4. Así mesmo, comprométese a facilitar, a través dos medios públicos dos cales dispón, todo tipo de campañas dirixidas á prevención, orientación e concienciación das desigualdades entre mulleres e homes e da violencia machista.

5. En canto a entidade que se encarga a subvencionar, este Concello comprométese a non subvencionar actos nos que a entidade organizadora utilice como reclamo publicitario o corpo das mulleres de forma sexista.

6. Deseñar un plan de actuación específico para a concienciación e sensibilización sobre a igualdade de xénero na adolescencia, cos valores da coeducación, a cooperación e o respecto á diversidade de xénero, e que debe contemplar obxectivos, accións e calendario, coa vontade de involucrar e dinamizar amplos sectores sociais e ha de ser convenientemente dotado nos orzamentos municipais.

7. Así mesmo queremos facer chegar ás diferentes administracións do Estado a nosa preocupación polo abandono de actuacións públicas para fomentar a igualdade de xénero e pedir que este asunto tan importante sexa un tema de Estado, como  unha cuestión política cargada de responsabilidade con todos os ámbitos da sociedade. Tamén solicitamos que asignen os recursos orzamentarios necesarios para que a igualdade sexa efectiva.

8. Esixir aos Gobernos que apliquen e desenvolvan a Lei Integral de Medidas de Protección Contra a Violencia de Xénero ( L.O. 1/2004) e a Lei Integral contra a violencia sobre a Muller, que sexa dotada convenientemente así como avaliada, que se publiquen datos, actuacións e conclusións.

9. Pedir ao Goberno do Estado que se desenvolva e implemente unha materia  EDUCACION EN IGUALDADE para todos os niveis de educación obrigatoria e onde se fomente a igualdade baseada na constitucionalidade, a coeducación, e a non discriminación por ningún motivo de razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

10. Comprometerse como Concello a establecer a lei de paridade que vén sendo todo un éxito en países como Noruega desde o 2003 e que visibilice á muller nun 50% de realidade efectiva e real en cargos de responsabilidade política e social.

11. Igualmente, esiximos ao goberno do Estado que tome cantas medidas sexan precisas para rematar coa brecha salarial entre homes e mulleres e acadar unha conciliación real da vida laboral e familiar.