Imprimir

Auga limpa xa! denuncia o acontecido na feira de Xinzo

Dende a Limia | 15 de agosto de 2019

image1
image1
Preto dun cento de persoas achegáronse a nós con insultos, ameazas e coaccións

A plataforma cidadá Auga limpa xa! denuncia o acontecido esta mañá na feira de Xinzo de Limia. Contra as dez e media da mañá, cinco veciñas e veciños que forman parte desta plataforma instalaron unha pequena mesa na rúa de San Roque para informar sobre a contaminación das nosas augas polos residuos da industria cárnica coa pretensión simplemente de recoller sinaturas para pedir unha moratoria á instalación de novas granxas industriais e solicitando o que é de lei, que as explotacións de porcino que hai en funcionamento xestionen correctamente todo o xurro que producen.

Ata a mesiña achegáronse unha chea de persoas preocupadas polo problema que estamos a sufrir na Limia, todos sabemos que en moitos concellos desta comarca, especialmente no de Xinzo, case ninguén se atreve a beber auga da billa, nin para cociñar, e menos dos pozos, a inmensa maioría superan os 50 miligramos de nitratros, que é o límite permitido pola Unión Europea.

Pasadas as doce e media, e cando todo transcurría con normalidade, preto dun cento de persoas achegáronse a nós con insultos, ameazas e coaccións, acorralándonos contra a parede a codazos e obrigándonos a recoller todo e a marchar, protexidos en todo momento por axentes da Policía Local de Xinzo e da Garda Civil, a quen lle queremos agradecer inmensamente o apoio prestado.

IMG-8638Non podemos tolerar que se nos falte así ao respecto, poñendo en perigo a nosa integridade física, soamente somos veciñas e veciños das comarcas da Limia, Baixa Limia e Celanova preocupadas pola nosa saúde e pola das nosas fillas e fillos que temos dereito a expresarnos e informar, que é o que estabamos a facer ata o violento escrache denunciado xa ante a Garda Civil.

Só pedimos auga potable, Auga limpa xa!, e polo momento non é posible, e non o dicimos nós. O último informe do Ministerio para la Trasición Ecológica inclúe o Encoro das Conchas (río Limia, auga superficial) e dous puntos subterráneos de Xinzo de Limia, un de Trasmiras e outro de Sandiás no listado de “aguas contientales afectadas por la contaminación, o en riesgo de estarlo, por la aportación de nitratos de origen agrario” (Malia que moitos medios de comunicación xa o publicastes, aquí podedes ver o informe completo https://www.agrodigital.com/wp-content/uploads/2019/07/aguasnitratosc.pdf )

Son os únicos sitios de Galicia, na Limia e na Baixa Limia, nos que sufrimos auga contaminada con nitratos de orixe agrario, polos residuos das máis de 400 explotacións cárnicas industriais que poboan a nosa paisaxe. E insistimos, é información oficial.

Non imos consentir ameazas e insultos de conveciños alentados por Adegal, asociación coa que a plataforma viña mantendo conversas, así como con Coren e a administración. Despois do acontecido hoxe, estamos estudando rachar esas negociacións.

Queremos permanecer nun territorio saudable e traballamos por un rural vivo, rico e con futuro. Defendemos o labor dos gandeiros e agricultores, moitos de nós tamén o somos, e loitamos por uns prezos xustos para unha produción sostible. A gran industria cárnica non se pode enriquecer a costa dos que, literal, cheiramos e bebemos a súa merda. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/xeral/auga-limpa-xa-denuncia-acontecido-feira-xinzo/20190815110210017354.html


© 2019 Dende a Limia

Dende a Limia
© 2014 Dende a Limia