Lobios mellora tramos da s vías de entrada e saída

Lobios mellora tramos da s vías de entrada e saída

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras de acondicionamento dos camiños de servizo da estrada autonómica OU-312, no concello de Lobios.

Estas obras, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, teñen un prazo de execución estimado de tres meses.

A actuación consiste na adecuación dos camiños de servizo na marxe esquerda de dous tramos desta vía autonómica, en concreto á saída do núcleo de Lobios, no punto quilométrico 2+120, e no tramo próximo ao núcleo de Vilameá, entre o punto 5+610 e o 6+170.

No punto quilométrico 2+120 actúase nun pequeno treito antigo da estrada, que se atopa parcialmente en desuso, cun dos accesos impedido. O outro extremo si ten acceso á estrada e dá servizo a un grupo de casas próximas. A actuación neste tramo ten como obxectivo a mellora do acceso ás vivendas próximas e permitir o cambio de sentido desde a estrada OU-312. Os traballos consisten na limpeza da calzada, na extensión dun dobre tratamento superficial no firme e na reordenación da circulación para unha mellor seguridade viaria. Tamén se mellora a drenaxe da zona.

O tramo da vía do punto quilométrico 5+610 ao 6+170 é un camiño servizo paralelo á estrada que dá acceso a varias vivendas e vías secundarias. Neste camiño as tarefas céntranse na limpeza e na regularización da calzada e na extensión dun dobre tratamento superficial en todo o tramo.

Ademais, o contrato inclúe a execución dun muro de perpiaño para protexer un desnivel existente entre o camiño e a estrada, entre os puntos quilométricos 5+935 e 6+050. Esta actuación complétase coa execución ao pé do muro dunha cuneta revestida.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas máis cómodas, seguras e eficientes.