Unha visita a Bordeos.

Burdeos
Unha visita a Bordeos.

Os gavachos dinlle a esta cidade Bordeaux, cuxa tradución literal sería bordo das augas. Algo normal nunha cidade a carón do Garoña, un río atravesado por varias pontes, sendo a de máis sona a Ponte de Pedra (Pont de Pierre) cunha lonxitude de 487 metros. O río baixa con velocidade e as súas beiras, de arxila e lama, fan que as augas no cumpran aquel retrouso que nos aprendera dona Beatriz en terceiro de EXB: El agua es inodora, incolora e insípida. Antes de máis nada, debo dicir que non probei nin cheirei as augas do Garoña, mais teño para min que coa súa cor café con leite debe ser abondo probable que algún sabor e algún cheiro si que teñan.

Durante todos os días que botei alí este verán, acordei decote de Xinzo. A miña vila, chantada no medio e medio dunha chaira inmensa, é un lugar no que as costas deben de fabricarse para poder telas. Todo o contrario, que en Vigo, cidade na que vivo e na que non hai máis costas porque xa non queda sitio para telas. Non me estraña, por tanto, a teima do alcalde pola mobilidade vertical, inzando a cidade aquí e acolá de ramplas, escaleiras mecánicas ou mesmo ascensores. Concordo con algunhas decisións, mais non co espantallo de chamadoiras cores que (como xa escribín tempo atrás nun destes artigos) son esas ramplas mecánicas coas que, ao meu ver, estragaron o marabilloso bulevar (palabra por certo de etimoloxía francesa) da Gran Vía. As árbores centrais que o poboaban, xa non están, co que a ampla avenida perdeu parte do seu encanto e da súa historia.

A cidade francesa é un paraíso para as persoas usuarias ou amantes das bicicletas. Destas, hai posiblemente, máis ca coches, e podes alugar unha durante un día enteiro por un prezo case que de risa. Iso, xunto co excelente servicio de tranvía, fai que sexa unha cidade amable e agarimosa para os peóns. Nunha das camiñadas, achegámonos ata a Place des Quinconces, onde o monumento ós xirondinos, unha marabillosa fonte escultórica, recibe os visitantes. Alí, no pedestal da grandiosa columna atopei a escultura dun galo ollando cara o río. O meu pensamento volveu axiña ó noso galo de Antioquía. E no vaso da fonte, ó pé dos cabalos, destaca un grupo escultórico de tres homes na auga. Non vou explicar o que representa cada un deles, mais si dicir que un dos tres chamou a miña atención: levaba unha máscara na man. E o meu maxín voou de novo a toda velocidade cara a miña vila, pensando que o tempo pasa correndo e en nada estaremos de novo no entroido.

Rafael Laso Lorenzo