De bicos e soños

De bicos e soños

Rafael Laso

Na miña memoria de rapaz non existía a palabra bico. Nunca dabamos un bico, sempre dabamos beixos. Seguramente, todas as persoas gardamos memoria do noso primeiro beixo amoroso, talvez dado, recibido ou roubado (que todo haberá) na idade do pavo ou, se o prefiren, nesa época difusa da adolescencia. E deixando á parte os propios, case con certeza tamén gardamos memoria doutros bicos alleos. Vou facer unha confesión: destes últimos eu gardo tres.

O primeiro é un clásico do cinema, o de Deborah Kerr e Burt Lancaster ambos os dous en bañador e envorcados na praia, nese marabilloso filme de Fred Zinnemann titulado De aquí á eternidade. O segundo é un clásico da escultura. Fálolles da obra O bico, de Auguste Rodin, que representa unha escena da Divina Comedia de Dante Alighieri cos amantes Paolo Malatesta e Francesca da Rimini. O marido de Francesca, irmán de Paolo, mátaos cando os descubre e a parella é enviada ó segundo círculo do inferno sacudidos polo aire. Finalmente, o terceiro da miña lista é unha icona fotográfica que nun principio pasou case desapercibida, acadando sona tempo despois. A min, que me encanta a fotografía en branco e negro, quedoume gravada a imaxe feita por Robert Doisneau do bico entre Françoise Bornet e o seu mozo daquela Jacques Carteaud, ambos os dous estudantes de arte dramático. Malia ser unha foto preparada (foi unha encomenda da revista Life) paréceme que ese beixo ten un aquel de especial. Veño de saber da morte da muller protagonista desa imaxe, no pasado día de Nadal, por un accidente doméstico ós 93 anos.

Talvez no intre de facer esa instantánea, Françoise nunca soñou ou sequera imaxinou o que viría despois. Escribo este artigo na noite de Reis, así pois, cando as persoas que teñen a ben ler os meus artigos estean coa lectura deste, é moi posible que xa teñan aberto os seus agasallos dos Magos de Oriente, se é que estes deixaron algo. Non creo que haxa ninguén que non teña soñado na súa nenez con este día. Fagan memoria e verán como aparecen nela moitos dos xoguetes que lembramos con nitidez. Na miña, como na das miñas amizades, nenas e nenos dos setenta, aparecen sen esforzo o CinExin, o Exin castelos, a Maxia Borrás, os Xogos reunidos Geyper, a Nancy, a Barbie, o Scalextric, o Madelman e o Geyperman, os Argamboys ou os Playmobil, os maletíns da señorita Pepis.

O tempo pasa e non sei se eses soños duraron como di Joaquín Sabina “lo que duran dos peces de hielo en un whisky on the rocks”. Porén, despois tivemos catorce ou quince anos e viñeron outros soños. E non creo que me neguen vostedes que algunha vez soñaron con bicos ou beixos como o da fermosa e famosa fotografía de Robert Doisneau. Eu si.

 Rafael Laso Lorenzo.