A serra do Larouco libre de novos muiños de vento

A serra do Larouco libre de novos muiños de vento

 A empresa renuncia definitivamente ao macropolígono tramontana no Larouco

O DOG vén de publicar a resolución do 11 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Tramontana e se cancela a garantía económica depositada por PE Tramontana 4W, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A/2021/030).

No texto infórmase de que se arquiva o expediente e se cancela a garantía depositada pola promotora no ano 2020, por importe de 1.056.000 euros.


Tumbeira na Serra do Larouco

Desde STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA e o CLUB PARAPENTE BALTAR lembramos que centos de veciñas e veciños de Baltar e das comarcas da Limia rexistraron alegacións contra o proxecto, e que o Concello de Xinzo de Limia, coa anterior alcaldesa, Elvira Lama, á fronte dunha coalición PSOE-BNG-Axil que apoiou as demandas da plataforma e os colectivos sociais, así como a actual corporación municipal de Xinzo de Limia, que xunto coas de Vilar de Barrio e Trasmiras ten apoiado a demanda dunha moratoria eólica na Limia.

A mobilización social e o respaldo institucional serviron para frear este proxecto e tamén o PE Mistral, que na práctica supuñan a continuidade do parque de Ibredrola operativo na Serra do Larouco. Tanto Tramontana como Mistral recibiron unha DIA (declaración de impacto ambiental) desfavorábel hai menos dun ano. Agora, despois da renuncia da promotora ao proxecto de Tramontana, cabe esperar que decaia tamén definitivamente o de Mistral.

TURBEIRAS.

Meses despois da DIA desfavorábel ao PE Tramontana, na actualización do catálogo galego de humidais foron recollidas as turbeiras do Larouco (na parte galega, as portuguesas xa estaban documentadas naquel Estado). Estes humidais non foron sequera citados no Estudo de Impacto Ambiental presentado pola promotora, malia que algún dos aeroxeradores se situaba directamente enriba das turbeiras. Ou non as pisaron ou pretendían agochalas. Agora, o Larouco xa conta cun argumento máis para a súa protección diante de proxectos industriais.