Delegado do Goberno en Galicia visitou Calvos de Randín

Alcalde, Delegado do Goberno e Subdelegado en Ourense
Delegado do Goberno en Galicia visitou Calvos de Randín

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor desde Calvos de Randín o compromiso do Goberno pola “transición verde” nos concellos do reto demográfico, poñendo de manifesto a súa aposta polo municipalismo. 

Pedro Blanco interesouse polas iniciativas que impulsa o concello, presidido polo alcalde Aquilino Valencia, en liña coa dinamización social dende o local. Estas iniciativas teñen como marco de acción a recuperación do patrimonio, “para beneficio de gran parte da poboación”, sinalou. O delegado estivo, ademais, acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González.


IMG 6226

O delegado do Goberno nun paso por Calvos 

O delegado detallou a importancia e o impulso que se vén dando a través do Ministerio de Transición Ecolóxica coa “transición verde” dos municipios rurais, que no caso de Calvos de Randín se traducen nun investimento de máis de 250.000 euros para mellora do saneamento e a depuración de augas. É unha acción que se está a realizar través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e que Pedro Blanco salientou como “unha actuación que representa un gran paso para un concello pequeno”.

Este tipo de iniciativas caracterizan aos concellos do reto demográfico, entre os que se atopa este Calvos de Randín, unha categoría de concellos establecida polo Goberno de Pedro Sánchez para designar e apoiar aos municipios con menos de 5.000 habitantes que requiren dun plan para atallar o despoboamento e o abandono do rural.

Investimentos do Goberno en Calvos de Randín

O delegado e o alcalde repasaron na reunión os apoios do Goberno ao Concello de Calvos de Randín nestes anos, nos que se beneficiou de axudas por 83.000 euros coas que a Administración local financiou a renovación do alumeado público.

Ademais, Calvos de Randín benefíciase do programa UNICO-Banda Ancha, que executa o Goberno para completar a dixitalización do territorio galego. Este programa posibilitará unha conexión a internet de altas prestacións, que ademais cubrirá un total de 259 unidades inmobiliarias, algo que na práctica supón a completa dixitalización do territorio municipal dotándoo de acceso con velocidades de 300Mbs.