A Xunta rexeita o rexistro obrigatorio dos galiñeiros

A Xunta rexeita o rexistro obrigatorio dos galiñeiros

Na actualidade xa son máis de 52.000 os galiñeiros de autoconsumo rexistrados en Galicia e, dado este inxente volume, o conselleiro advertiu que con esta medida estanse “matando moscas a canonazos”

 O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, participou esta tarde por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Nesta reunión, a Xunta volveu trasladar ao Ministerio o seu rexeitamento ao rexistro obrigatorio dos galiñeiros de autoconsumo, imposto pola normativa estatal. Así, o conselleiro do Medio Rural en funcións sinalou que para o Goberno galego esta obriga forma parte dun proceso estéril e que non redunda en ningún tipo de beneficio para a poboación. 
Por iso, indicou González, a Xunta está traballando da man dos propietarios dos galiñeiros e das tendas de venda de aves para minimizar no posible as trabas que provoca este trámite -facilitando a compra dos animais mostrando o DNI do titular- e reclama, ao tempo, que o MAPA dea marcha atrás nesta cuestión, xa que -subliñou- o rexistro carece de xustificación e que se abra a modificar o Real Decreto que regula esta materia. Neste mesmo sentido, o conselleiro advertiu que con esta medida se están “matando moscas a canonazos” e, para reforzar esta argumentación, avanzou que na actualidade xa son máis de 52.000 os galiñeiros de autoconsumo rexistrados en Galicia, remarcando ademais que non se poden equiparar estas pequenas explotacións -que son moi numerosas en Galicia- coas profesionais. 
Nesta liña, José González lembrou tamén que a Xunta presentou ata 40 alegacións a este texto legal ao longo da súa tramitación, insistindo en que deixara fóra de aplicación ás explotacións avícolas de autoconsumo. A Xunta considera que esta medida é completamente errónea e que os únicos requisitos esixibles para os donos dos galiñeiros deberían ser os relacionados coas condicións mínimas hixiénico-sanitarias e de benestar animal, así como permitir os controis oficiais e estar suxeitos ao réxime sancionador, no seu caso.