Copa de España Dragón de piragüismo esta fin de semana en Muíños
Proba de 200 metros que se disputará os días 20 e 21 de abril no Corgo-Muiños
O vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández, participou hoxe no complexo turístico O Corgo, en Muíños, na presentación dunha regata do calendario nacional de Piragüismo, a Copa de España Dragón de 200 metros, que acollerá este municipio da Baixa Limia os días 20 e 21 de abril, coa colaboración da Deputación de Ourense. Trátase da primeira vez que a provincia de Ourense acolle unha competición desta modalidade de piragüismo tan en auxe actualmente.
As embarcacións semellan
dragóns e son tripuladas por 12 palistas que disputarán a proba nas categorías
de Júnior, Sénior, Open, Mixto e Veteranos. Ademais, cabe destacar a categoría
BCS cuxa tripulación está formada por mulleres e homes que padeceron cáncer
(principalmente de peito) e practican esta disciplina deportiva para
recuperarse despois da intervención cirúrxica. Nos últimos tempos, tamén se
incorporou a categoría Paradragón disputada por palistas con diversidade
funcional.
En canto á participación,
daranse cita 450 deportistas que tripularán as 101 embarcacións que disputarán
esta Copa. Os palistas proceden de 16 clubs de 8 Comunidades Autónomas.
Na presentación tamén
participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o alcalde de Muíños,
Plácido Álvarez; o xefe de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez: e o
presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea.