Antonio Pérez: “Eu non coaccionei a ninguén”

Antonio Pérez: “Eu non coaccionei a ninguén”
O rexedor limiao compareceu hoxe ante a xuíza trala denuncia do ex secretario do Concello REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia O alcalde de Xinzo...

O rexedor limiao compareceu hoxe ante a xuíza trala denuncia do ex secretario do Concello

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

O alcalde de Xinzo de Limia, o popular Antonio Pérez negou esta maña ter coaccionado ao ex secretario do municipio Demetrio Pérez e a súa adxunta, Patricia Hernández tal e como estes aseguraban nunha denuncia interposta contra o alcalde. Pérez compareceu no Xulgado de Instrución número 1 de Xinzo tras ser acusado polos ex funcionarios de obrigalos a redactar un informe que respaldase unha serie de contratos irregulares. Unhas contratacións que foron investigadas pola Fiscalía do Estado e finalmente anuladas pola vía administrativa por seren ilegais. A investigación destes contratos fraudulentos derivou así mesmo na imputación de Antonio Pérez por un presunto delito de prevaricación, unha causa tamén aberta no xulgado limiao.

Pérez respondeu ás preguntas da xuíza e do seu avogado por espazo de dúas horas pero negouse a contestar as do letrado da outra parte. No seu relato, insistiu en que descoñecía a existencia dos informes contrarios ás contratacións. Ratificouse ademais, como xa fixera no pleno solicitado pola oposición de Xinzo para pedir explicacións sobre a súa situación xudicial, en que os ex funcionarios denunciárono “para cubrir” as súas propias costas, pois el asegurou tras ter precintado o pasado novembro o ordenador de Fernández, que as datas dos informes eran posteriores non só á firma dos contratos, senón tamén ao requirimento da Fiscalía da documentación sobre os mesmos.