Aparece Esperanza, sa e salva

desaparecida
Aparece Esperanza, sa e salva
A muller de Cualedro que faltaba da súa casa desde o pasado martes, apareceu en Castelo REDACCIÓN redac@dendealimia.com Apareceu Esperanza, a veciña de...

A muller de Cualedro que faltaba da súa casa desde o pasado martes, apareceu en Castelo

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Apareceu Esperanza, a veciña de Cualedro que desaparecera o pasado martes cando saíra da súa casa a primeira hora da mañá para ir ao médico. A súa pista perdíase en Pardieiros no concello limiao de Trasmiras, e foi neste mesmo municipio onde apareceu onte, na localidade de Castelo. A Garda Civil daba con ela pouco antes das seis da tarde nas proximidades dunha granxa en “aparente bo estado de saúde”.

Houbo logo final feliz para esta desaparición, que tiña á familia da muller de 76 anos e enferma de alzheimer, co corazón nun puño. O mesmo que a todos os seus veciños de Rebordondo, no termo municipal de Cualedro, que pasaron os últimos catro días buscando por ela, axudando no seus operativos a Garda Civil e Protección Civil.

Unha vez localizada polos axentes, Esperanza foi trasladada inmediatamente ao Hospital de Verín para analizar en profundidade o seu estado de saúde, ameazado pola deshidratación e o feito de levar catro días sen tomar a medicación que precisaba para o tratamento da súa doenza.