As axudas para os danos do temporal non dan chegado á Limia

IMG_1586
As axudas para os danos do temporal non dan chegado á Limia
Os 600.000 euros asignados á comarca aínda non está a disposición dos Concellos, aos que lles choven as queixas dos...

Os 600.000 euros asignados á comarca aínda non está a disposición dos Concellos, aos que lles choven as queixas dos veciños

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Despois de que a lagoa da Antela rexurdira nas terras da Limia trala sucesión de tormentas e cicloxéneses explosivas do pasado inverno, o Goberno central asignáballe á comarca unha axuda de 600.000 euros. Un 85% menos do que os concellos valoraron as perdas, cando puideron, coa chegada da calma poñerse a botar contas.

Pero, e a pesar de supoñer soamente o 15% do que se precisa para poñer a punto todas as pistas agrícolas, estradas, ríos, mananciais e canais, estes cartos aínda non chegaron a terras limiás. Alí, os teléfonos dos consistorios non para de soar, son os veciños que chaman para pedirlles aos alcaldes que arranxen dunha vez a desfeita duns temporais que pasaron hai meses. En algúns lugares coma Paredes ou Filgueira son os propios cidadáns os que rematan por poñerlle algunha solución pola súa conta. En Paredes os veciños van enchendo con cemento as fochas da estrada, e na vía que vai de Xinzo a Filgueira apartaron os sinais que indicaban o mal estado do firme para evitar un rodeo de máis de oito quilómetros.

Desde o Concello aseguran que “as axudas están concedidas pero falta a autorización para adxudicar as obras de reparación”. Segundo o rexedor limiao Antonio Pérez, decidiron non agardar máis e ir iniciando as reparacións: “xa tiñamos pensado acometer na semana pasada estos traballos pero decidimos aprazalos a causa da choiva destes últimos días”, polo que terán que esperar ás primeiras semanas do vindeiro mes de xullo.