Domingo de Entroido con escrache, pantallas e moita retranca

Pantalla Entroido
Domingo de Entroido con escrache, pantallas e moita retranca
Xinzo celebraba onte un dos días grandes con chuvia e vento pero co espírito festeiro intacto MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO maria@dendealimia.com Twitter: @MariaFdezRomero Durante o...

Xinzo celebraba onte un dos días grandes con chuvia e vento pero co espírito festeiro intacto

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @MariaFdezRomero

Durante o Entroido, un entra na Praza Maior de Xinzo e trasládase a outra dimensión. Unha chea de cor, imaxinación e fantasía na que a xente se ri por un día, ou no caso dos limiaos un mes, por ter o Entroido máis longo da Península, de problemas, crises, Bárcenas, escraches e o que se lles poña por diante. Todo isto, iso si, cumprindo estritamente a lei da Pantalla, saír disfrazados e a pasalo ben. Do contrario, xa saben o que toca, pagar.

Pois ben, onte non foi nin moito menos unha excepción. As rúas do casco vello estaban repletas dos máis variopintos personaxes aos que a chuvia e o vento non conseguiron amedrentar. Un Carrabouxo e unha Pantalla xigantes, a Duquesa de Alba que viña na procura dun mozo limiao porque seica Alfonso “non traballa ben”, e ata a escultura da “Lechera” de Ramón Conde decidiu abandonar por un día o seu lugar na rúa do Paseo de Ourense para vivir o Entroido, aínda que no seu estilo, moi ao quieto. Na rúa dos viños vivíase un escrache a toda regra a Esperanza Aguirre e Ana Botella, “non máis esguinces por culpa do empedrado” rezaban as pancartas dos manifestantes. Así coma un Santo Padre en versión mini, iso si, con Papamóbil e todo, encarnado polo fillo da deputada socialista Laura Seara que o acompañaba xunto coa súa parella ataviados de familia ultracatólica, mantilla incluída.

A parte máis tradicional do Entroido viviuse de mañá, coa actuación da banda de gaitas, que foi escoltada polas rúas da vila polas raíñas da festa, as Pantallas que un por segundo domingo consecutivo volveron saltar as rúas a sulfadrear e bater as vexigas. O resto da xornada volveu estar marcada polo son das charangas e a marcha de limiaos e visitantes.

Visita da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro

Á tardiña, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro achegouse ata a vila limiá para respirar de preto o ambiente do seu Entroido, sen dúbida un grande atractivo turístico para a tempada de inverno en Galicia. Castro Domínguez presentouse como non podía ser doutra maneira, ataviada cunha perruca para non “espertar a ira” das Pantallas, e cumprir ca tradición.

E xa sabedes, se queredes ver tódalas fotos que sacamos o Domingo soamente tedes que premer aquí.