A maxia do Entroido ourensán inundará Santiago

entroidos ourense
A maxia do Entroido ourensán inundará Santiago
O domingo a Pantalla limiá, acompañada do resto das máscaras da provincia, desfilará polas rúas compostelás para promocionar a festa REDACCIÓN redac@dendealimia.com A...

O domingo a Pantalla limiá, acompañada do resto das máscaras da provincia, desfilará polas rúas compostelás para promocionar a festa

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

A pesar de coincidir co Domingo Fareleiro, un grupo de Pantallas acudirá na mañá do próximo día 9 a Santiago de Compostela, para un desfile de promoción do Entroido ourensán promovido pola Xunta . Tal e como recoñecía o concelleiro de Cultura limiao, Carlos Gómez na presentación da festa en Xinzo, será “un grande esforzo perderse medio Fareleiro”, pero “esta posta en escena do Entroido galego non se entendería sen a Pantalla”. Ademais tal e como el mesmo asegurou, foi do Concello de Xinzo de onde partiu a idea de promocionar a festa máis alá das terras do Limia. “O ano pasado pedímoslle ao presidente Feijoo apoio para promover os Entroidos tradicionais galegos, e agora que responderon non podemos faltar”, apuntaba Gómez.

Así a Pantalla desfilará entre outros, xunto ao Peliqueiro de Laza, o Cigarrón de Verín ou o Felo de Maceda, nun acto que se iniciará as once da mañá e que percorrerá as principais rúas santiaguesas, para rematar no Obradoiro nunha actuación- exhibición dos Entroidos participantes. Este evento presentábase onte na delegación territorial da Xunta de Galicia en Ourense coa presenza do delegado, Rogelio Martínez e de representantes de cada manifestación desta festa. O máximo responsable do goberno autonómico en Ourense quixo salientar que  “os Entroidos conforman unha manifestación única no mundo e as experiencias que se poden vivir na súa celebración son únicas e dotadas dunha gran singularidade” pois se algo caracteriza ao noso Entroido , asegurou “é a a fidelidade coa que se conservan as tradicións máis ancestrais. A riqueza de personaxes, así como o rigor co que se manteñen os seus distintivos, garanten a súa pervivencia”.

Desta maneira un grupo de sacrificados limiaos, reunidos grazas á Asociación da Pantalla e ao Concello, terá que madrugar despois da noite do Petardazo e perderse a mañá do Domingo Fareleiro, pero será por unha moi boa causa, que o Entroido de Xinzo acade aínda máis difusión e recoñecemento se é que aínda é posible.