As obras da glorieta na estrada Xinzo-Bande comezarán en menos de dúas semanas

As obras da glorieta na estrada Xinzo-Bande comezarán en menos de dúas semanas

O obxectivo é mellorar a seguridade viaria neste tramo no que conflúen as rúas Pista da Armada e Dous de Maio e a estrada OU-1112

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

“Nun prazo de dez días”, nese tempo asegurou o rexedor limiao Antonio Pérez a La Voz de Galicia, comezarán as obras de construción dunha glorieta na OU-301, a estrada que une Xinzo e Bande.

Á altura do punto quilométrico 0+770, conflúen tres viarios: as rúas Dous de Maio e Pista da Armada e a OU-112 que comunica a capital da Limia co concello dos Blancos, e a día de hoxe esta intersección resólvese mediante un carril de xiro. Unha solución que non é a máis axeitada desde o punto de vista da seguridade viaria, motivo principal polo cal vai ser substituída por unha glorieta.

Ademais, as obras tamén incluirán a ampliación da calzada nos treitos nos que sexa necesario e a rehabilitación do firme. Así o explicaba o pasado mes de marzo o por entonces conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández, pois é a Xunta coa achega dun orzamento de 150.000 euros a principal fonte de financiamento deste proxecto. Unha actuación que segundo declaraba Hernández na sinatura do convenio de colaboración para poder facer efectiva esta actuación o pasado marzo “é un bo exemplo dos obxectivos do goberno galego no que se refire ás estradas, centrados na mellora das infraestruturas e do conxunto de variables que poidan incidir na redución da siniestralidade”.