“En Xinzo necesitamos unha matrona”

matrona xinzo
“En Xinzo necesitamos unha matrona”
A Escola Rural de Saúde da Limia faise eco da demanda das mulleres da comarca REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia A Escola Rural de Saúde...

A Escola Rural de Saúde da Limia faise eco da demanda das mulleres da comarca

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

A Escola Rural de Saúde da Limia ten entre as súas función detectar as necesidades existentes entre poboación no ámbito sanitario, e é por iso que quere facerse eco dunha demanda das mulleres da comarca, a necesidade dunha matrona no centro de saúde de Xinzo.

Desde esta asociación que vela polo benestar dos limiaos, recordan a importancia da matrona para a “saúde das mulleres durante todo o seu ciclo vital”. Durante a adolescencia, con actividades educativas e de promoción da saúde e asesoramento en métodos anticonceptivos; na muller adulta, cos programas de prevención de cáncer de mama; durante o embarazo, parto, puerperio e atención ao recén nacido, e durante a época da madurez da muller, atendendo aspectos relacionados coa menopausa ou a caída do só pélvico.

Ademais, desde a Escola Rural queren levar o foco sobre o feito de que Xinzo e a súa comarca teñen moita poboación diana, é dicir, aquela que podería verse beneficiada polo traballo desas enfermeiras ou enfermeiros con dous anos de especialización. Desde a xente nova, en idade fértil, ata a poboación máis madura que “precisa información sobre temas dos que habitualmente non se fala coma a incontinencia urinaria feminina”.

Taller: “A matrona na vida da muller”

Como entidade mediadora para a saúde, a  Escola Rural de Saúde da Limia, recolle as necesidades que lles “fan chegar as mulleres da comarca coa intención de facelas visibles ante as institucións públicas” e a tal efecto, están a organizar mesas e obradoiros informativos coma o que terá lugar o vindeiro sábado 31 de maio na Casa da Cultura de Xinzo. “A matrona na vida da muller” será impartido entre as 16:30 e as 19:30 horas por Antía González, Marisol De Diego, Elena Rodríguez e Belén Vázquez, da Asociación de Matronas de Galicia. É necesaria a inscrición previa que pode realizarse ben persoalmente na Casa da Cultura, planta 1ª, aula 2 ou ben por correo electrónico a escolaruraldesaudedalimia@yahoo.es.