lunes 28/9/20

Amores de diario. Capítulo 3. Marco.

Os ollos de Marco cruzáronse cos de Estela case sen querer e sobre todo por obriga. Non agardaba atoparse con ela nesa situación. A súa reacción inmediata non puido ser esconderse ou agocharse como en anteriores ocasións. Gustáballe Estela e esta sabíao por terceiros, porque a timidez de Marco non o deixaba declararse abertamente. amores de diario 3Tropezaran un co outro por primeira vez no Instituto, porque el era un chisco apampanado e non vía por onde andaba. Agás do chichote que lle saíu na fronte, quedoulle un certo sentimento de culpabilidade por estar medio acoquinado e que Estela fora a primeira en pedir desculpas. El agardouna catro días despois sentado na parada do autobús para ir xunto con ela no traxecto a casa. Ó final resultara que vivían case a carón un do outro. Neses días, Marco tentou coller as forzas necesarias para falar coa rapaza e esta agardaba tamén velo de novo. No fondo, por esas cousas que pasan, Estela sentíase atraída pola posibilidade de volver ver ó rapaz. Falaron no autobús (ela falou máis e el, o imprescindible). Remataron por facerse amigos, coincidir no segundo e no terceiro curso e tamén no curso preparatorio do acceso a universidade. Seguíronse vendo e Marco tentou pedirlle de saír porque, aínda que xa só coincidían no campus, andaban xuntos na mesma pandilla de amigos; pero tivo mala sorte, porque cando se decidira foi no tempo em que o Gonzalito lle andaba ás beiras, e daquela a súa timidez puido dabondo máis que o que en realidade sentía por Estela.

Así que agora tíñaa fronte a fronte, despois de varios meses sen se ver na pandilla por circunstancias excepcionais: Marco andara ás voltas coas oposicións ó INEM, que comezara a preparar catro meses antes de rematar a carreira de psicoloxía, xa que se aprobaba todo, podería presentarse. Iso foi o que aconteceu, aprobara todo e aprobara a oposición. Desta volta era Estela a que viña onda el.

  • Non saio do meu abraio. Que fas aquí?
  • Pouca cousa, realmente só necesito unha tarxeta de desemprego, e polo que vexo aprobaches e non mo dixeches –dixo, contrariada.
  • Certo, pero nin a ti nin ós outros. Só levo aquí unha semana e pensaba convidarvos a todos coa miña primeira paga dentro de dez días. Mira, aquí tes a tarxeta…

Entregoulle unha folla que saíra pola impresora e dubidou, pero ó fin achegouse a ela e faloulle moi baixiño.

  • Se non levas présa, agardame na cafetería que hai saíndo a esquerda. Chámase “Pedra de Lume”. En tres minutos é o meu tempo de descanso e estarei alí para tomar un café contigo. Non mo rexeites, por favor, se podes.
  • Está ben, se mo pides así, non podo negarme. Agardareite.

Estela gardou o papel no bolso e foise cara a saída pensando nas casualidades da vida e pensando en Marco. Este quedou fixándose como aquela figura con vaqueiros azuis e blusa branca se afastaba pouco a pouco.

Estela entrou na cafetería, escolleu unha mesa que considerou axeitada. Non gustaba das mesas próximas ás fiestras, que tiñan nula intimidade e total exposición ás olladas dos camiñantes dende o exterior. Sentouse, pediu un cortado e preguntouse se sería desta que Marco ousaría plantexarlle a desexada e longamente agardada pregunta.

Marco atendeu unha persoa máis, un home que na semana que el levaba traballando era a segunda vez que viña rexeitando unha oferta de colocación. Recolleu todo e avisoulle ó compañeiro da mesa do lado que saía para tomar un café.