lunes 28/9/20

Capítulo 1. A elección

Aquel tiña que ser un día especial na súa vida de estudiante. Unha vida á que tan só lle restaban un par de horas, o intervalo de tempo xusto en chegar á facultade e tirar do amores de diario 1casilleiro das notas a papeleta co aprobado no derradeiro examen. Un aprobado que contaba seguro, pois a proba saíralle estupendamente e non podía fallar. Remataría a carreira de Xornalismo e comezaría a traballar en prácticas na redacción do xornal. Así estaba predestinado dende aquela entrevista da semana anterior, á que acudiu con outros tres compañeiros que estaban na mesma situación que a súa: todas as materias aprobadas agás unha á espera da nota. Alberte, María, Carlos e mais ela. Dous homes e dúas mulleres. Catro persoas para un posto. Tanto tiña, ela nacera gañadora, sempre gañadora. Entrara na entrevista de terceira, seguindo a rigurosa orde alfabética dos nomes. Tampouco importaba. Despois chegou a espera, fóra xa, no recibidor previo ó despacho do director do xornal. Conversas, palabras entre catro compañeiros, todos a darse ánimos mutuamente, a desexarse sorte e, no fondo, a xulgárense en comparanza os méritos de cada un cos dos demais. Todo era como unha competición, un proceso irreversible como nalgunha reacción química. Non se abraiou cando se abriu a porta do despacho e saiu a secretaria do director, toda repotingada ela, chamando por Estela Soneira Gálvez, dicindo que pasase de novo ó despacho, que era a elixida e que os demais podían irse. As facianas de Alberte, de  María e de Carlos, amosaban a tristura do desengano, nome nunca desexado pero sempre agardado, nome da rúa de Ourense que sube dende a fonte das Burgas, canellón estreito que non podía ter outro nome; as facianas amosaban tamén a ledicia artificial xerada inconscientemente pola boa sorte da súa compañeira, que lles pediu que agardaran abaixo por ela para despois ir tomar algo.

Cando entrou novamente naquel despacho, volveu sentar na mesma cadeira que antes. O coiro do asento e do respaldo tentaba apreixar con forza a súa pel, o seu corpo, nunha demostración práctica do principio de acción e reacción estudado na materia de Física, no bacharelato. Que lonxe quedaba xa aquel tempo, que lonxe, agora que o pensaba nese intre vagaroso no que agardaba que o director do xornal collera o seu currículo e o seu expediente académico das mans daquela empotingada secretaria. Nese mesmo intre de tempo, esculcaba a face e os xestos pausados do director. Semellaba arredor dos cincuenta e pico de anos, talvez máis perto dos sesenta. A pel morena, escura, na fronte dúas enrugas fondas e marcadas que mesmo semellaban os regos dunha leira. A barba curta, a navalla seguramente, tiña pinta de home afeito a visitar barbeiro. E os xestos tranquilos amosaban seica unha paciencia e unha seguridade en si mesmo totalmente absoluta.

Lembraba tamén as palabras do director “Vostede, Estela, é a elixida. Cómpre que se vaia afacendo á idea e que esa asignatura que lle falta ten que estar aprobada. Verémonos en dúas semanas.”

En todo aquilo pensaba Estela cando se dirixía á facultade. Os seus compañeiros agardarían alá algo máis da conta, pois ela perdera o autobús. Para calquera sería un mal agoiro. Para ela non. Cando chegou, as facianas dos seus amigos dixéronllo todo. María deulle a papeleta: “Notable: 8,00” e, atristurada, rachou a chorar. Alberte e Carlos tamén suspenderan. Ela era a única que aprobara. Había tempo que o sabía e agora só tiña a confirmación nun papel. Ela, só ela, era a elixida.

Capítulo 1. A elección