sábado 19/6/21

Capítulo 10. A hora do café.

  • Iso é todo? –preguntou Estela.
  • Pois que se saiba si –contestou Valerio.
  • E como soubestes que queimara os papeis?
  • Cousa fácil, neniña –falou Bernardo. O primeiro día de Paco na redacción, despois do accidente, o director xeral chamouno ó despacho. Daquela xa tivera o amores 10detalle de modificar as portas e ceibar algúns corredores para que a cadeira motorizada puidese pasar sen problemas. Nunha mostra de sinceridade, o director contoulle á Paco toda a historia e disculpouse por se deixares influenciar. Díxolle que namentres el fose o responsable do xornal, non habería ninguén que ousase facer algo contra el, se el quería seguir no diario.
  • E Paco que dixo?
  • Nada, que se o director non tiña nada na súa contra, quedaba, que para a xubilación faltaba pouco e que o xornal era a súa vida. E iso si que xa é todo.

Fíxose un intre de silencio. Estela cruzou a súa ollada coas dos seus compañeiros, incluída Conchiña. Por que razón se mantivera calada en toda a conversa? Tanto tiña, xa sabería por que. Polo momento xa tiña algunha información que darlle a Marco. Nese intre lembrou algo e quixo preguntalo.

  • Escoitade... ¿e a historia esa de que o corpo de Maca Coirós aparecera na sala de infografía?
  • Iso sonche andrómenas e ganas de malmeter; a autopsia de Maca amosou nidiamente a morte por traumatismo craneo-encefálico, aplastamento da cavidade torácica e, segundo o informe do forense, o corpo estaba cheo de cristais que, tras dunha fonda análise, se revelaron coincidentes cos das xanelas do coche que levaban –foi a resposta de Conchiña, que xa estaba sentada diante do seu computador.
  • E xa que está todo, dicídesme que é o que podo facer?
  • Por suposto, Estela –achegouse Vicente–. Esa mesa baleira é a túa. Agora mesmo, non hai moito tema, así fai o que lle dicimos sempre ós novos: vai dar unha volta polo xornal para coñecer as instalacións e toma un café. Nós estamos rematando unhas cousas e dentro de hora e media temos unha xuntanza previa coa finalidade de poñer en orde as ideas para a reunión da tarde. Entón estate por aquí para ir collendo idea do que se falará. No caixón da mesa hai un plano das dependencias, para que vaias a tiro fixo.

Estela foi cara a mesa e colleu o plano. Sentada na cadeira, botoulle unha ollada e tivo a sensación de ser observada. Ergueu a cabeza e a súa ollada cruzouse coa de Conchiña, que lle amosou un sorriso forzado.

Apetecíalle un café e lembrou o rapaz do Departamento de Persoal. Ergueuse e tras despedirse saíu ó corredor co plano na man. Este non lle fixo falla para chegar á oficina de persoal. Alí atopou a Xoán, facendo unhas fotocopias.

  • Lémbraste de min?
  • Por suposto, Estela. Que che trae por aquí de novo?
  •  O cuarto dos cafés. Convídote a un, pero debes levarme ata alí.
  • Iso está feito. Deixa que remate e imos aló. Nunca se pode rexeitar a oferta dunha rapaza. Mais lembra o que che dixen a outra vez.
  • Que dixeches?
  • Pois que ó primeiro convidaba eu. Veña, xa está, podemos ir. Non queda lonxe.

Foron por un corredor que percorría toda a zona de Administración. Xoán saudou e presentoulle a Estela algúns compañeiros cos que se cruzaron no camiño. Todos tiveron palabras de benvida para ela. Xoán íalle preguntando que tal levaba o día, que cal era a sección onde a mandaran e que tal coa xente. Estela informouno de que estaba en “Local” e que de primeiras tiña uns bos compañeiros e un xefe estupendo.

  • Si, sei quen é: Paco Lousa –dixo Xoán. Unha das mellores persoas que coñezo. Mágoa o do accidente.