viernes 05.06.2020

Capítulo 16. A xuntanza da tarde en Local

  • Ola Estela, agardaba por ti e aproveitaba a espera ollando a paisaxe. Gústame ollar ó través das fiestras. Vense moitas cousas. Observas. É unha cousa interesante.
  • Gracias, Conchiña. Pero non chego tarde, que eu saiba.
  • Non, muller, non. É que os demais xa están todos preparando a xuntanza no despacho de Paco Lousa. Eu quedeime a esperar e así remataba uns detalles. Imos aló entón?
  • Pois iremos.

Conchiña colleu unha carpeta con folios escritos e saíron. Polo corredor chegaron ó despacho de Paco Lousa, onde agardaban os outros. Paco tardou cinco minutos en chegar e acomodouse na cabeceira da mesa, un sitio cun espacio máis amplo para as súas necesidades de movemento.

  • Rapaces, como vexo que xa estamos todos, creo que comezamos de contado. A ver que temos.
  • Está ben, Paco –dixo Vicente–. Primeiro quería dicir que Estela vaise estrear mañá na rolda de prensa de Abali Mareno, co gallo da presentación do seu novo espectáculo.
  • Arre demo! Desas lerias non se ocupaba Conchiña?
  • Ata o de agora si, Paco –contestou a implicada–. Pero xa llo dicen a Vicente: non quero ver diante a esa lurpia. Así que… que vaia outro. E non insistades. Estou segura de que Estela vaino facer estupendamente.
  • Vale, vale. Xa vexo que aquí estou de máis. Pero polo menos rematarás o asunto da auga ¿non si? ¿ou aínda falta algunha cousa?
  • Xa que o preguntas, só os resultados da análise definitiva. Pero aquí tes o tema: os tres primeiros folios sairán mañá e o resto podemos estiralo ata a fin de semana, cando estean os resultados.
  • E Valerio, xa ten rematado o tema do incendio da casa do Concelleiro –dixo novamente Vicente.
  • Iso é certo, pero hai que tirar da manta arredor do asunto, seica hai trama urbanística polo medio e negativas a intervir nos amaños de parte da Corporación.
  • Estupendo, Valerio –dixo Paco–. Pois segue co asunto a ver se sae algo á luz. E ti que tiñas Bernardo?

O sorriso de Bernardo encheu toda a súa faciana. Os ollos amosaban unha expresión de perversa malicia como se fose un neno pequeno.

  • Eu teño un traballo de fonda investigación entre mans, pero coñecendo a sona desta cabeceira editorial, dubido que poidamos darlle o enfoque que eu quería. Tiven chamada dun amiguete e presenteime nun sitio, agardando alí tres ou catro horas. A espera pagou a pena, porque xa sei como se coce todo o do novo estadio. Ata tirei dúas ou tres fotos co móbil. A cousa é impresionante, pero…
  • Nin peros nin lerias –cortou Paco–. Vas contar de que se trata ou non? Porque nos tes a todos espreitantes, coa boca aberta e a faciana de parvos.
  • Está ben, está ben. Direino, pero quero un compromiso de turrar da manta, Paco. É a reportaxe da miña vida.

capt.16Paco cavilou un intre antes de contestar. Separou a cadeira de rodas un chisco hacia atrás e pasou a man pola cabeza.

  • Témote, Bernardo, témote. De que se trata?

Bernardo pasoulle o seu teléfono.

  • Toma, Paco. Xulga ti mesmo. Bótalle unha ollada as fotos.

Paco Lousa premeu varias teclas do aparello e despois quedou estoutizado vendo a pantalla. A súa faciana tornouse lúrida. Repasou as fotos tres veces.

  • Bernardo, isto sería máis ben cousa da revista “A sístole diastólica”. Porén, o fondo do asunto é máis axeitado para nós. Déixame que o pense uns días. Aínda non saio do abraio.

Un sorriso renarte e malicioso agromou na face de Paco.

  • E outra cousa, Nardiño, non terás pensado cambiar de rumbo? Dígocho porque se queres ser colaborador de Verde Corazón, teño algúns amigos en Madrid. Ou se cadra preferirías Sálvame.
  • Que pasa? Que liorta é esta? –preguntaron os demais, remedando a unha famosa estrela do cuore nacional.
  • A alcaldesa está liada co presidente do equipo de fútbol da cidade e as fotos do teléfono son unha proba.
  • Bernardo, estásteme botando a perder. Xa me chegaba con Valerio e agora ti... Ben, abonda por hoxe –dixo Paco–. Isto xa rematou.